A cámara Sony α7R V ofrece un enfoque automático sen igual grazas ao uso da IA

xoves, 27 de outubro do 2022 Marcus Fernández

Dentro da liña de cámaras fotográficas sen espello de Sony os modelos Alpha 7R caracterízanse pola súa alta resolución de cara ao disparo de fotografías detalladas (mentres que a serie 7S estaría orientada á gravación de vídeo), e agora que chega á súa quinta xeración, en vez de incrementar a súa resolución o fabricante xaponés optou por mellorar o seu sistema de enfoque automático cunha avanzada unidade de procesamento baseada en intelixencia artificial.
A nova Sony α7R V é unha cámara sen espello con obxectivos intercambiables baseada nun sensor de 61 Mpíxeles que tamén é capaz de gravar vídeo 8K, integra un novo monitor multiángulo de 8 eixes para unha maior versatilidade, que está orientada claramente a fotógrafos que grazas á intelixencia artificial poden gozar dun sistema de seguimento en tempo real constante, cun sistema de enfoque automático rápido e preciso, que destaca por non limitarse a recoñecer caras de persoas e mascotas, senón que agora recoñece numerosos obxectos (incluíndo vehículos e insectos) o que supón unha importante mellora no sistema de enfoque, o que agradecerán os que teñan que captar imaxes de elementos que se movan ou incluso para fotografía de natureza.
A cámara tamén pode disparar de xeito continuo até 10 imaxes por segundo con seguimento AF/AE, a súa captura silenciosa e sen vibracións pode captar até 7 imaxes por segundo, e o seu amplo buffer permite que poida realizar disparos continuos de até 583 imaxes en RAW comprimidas a alta velocidade.
Todo un portento que chega ao mercado a un prezo oficial de 4.500 euros, mentres que o seu modelo anterior (lanzando hai uns 3 anos) mantén o seu prezo oficial en 4.000 euros, sendo a principal diferenza entre ambas o novo sistema de enfoque automático, que é sen dúbida o máis avanzado de Sony até o momento.

Vídeo promocional da nova Sony α7R V

PUBLICIDADE