A cámara de formato completo sen espello Sony α7 III gravará vídeo en 4K

martes, 27 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

As cámaras sen espello con obxectivos intercambiables continúan a progresar a bo ritmo, e unha boa mostra diso é a nova Sony α7 III, unha cámara de 24,2 Mpíxeles que comparte boa parte das características da Sony α9 e a α7R III, de xeito que temos unha cámara moi versátil e potente, de formato completo, que ao contar cun sensor de imaxe Exmor R CMOS retroiluminado pode conseguir imaxes con grande detalle, conta cun sistema de enfoque automático que facilita disparos rápidos de até 10 imaxes por segundo (como modo mecánico ou silencioso) e incluso conta con capacidades de gravación de vídeo 4K.
Esta cámara vai dirixida tanto a entusiastas como a profesionais, pois é moi versátil, e pode equiparse cunha selección de 26 obxectivos de formato completo que achegan un nivel de desempeño sen comparación na industria segundo Sony. Aseguran que o procesador de imaxe BIONZ X mellorou a súa velocidade, de xeito que funcionaría 1,8 veces máis rápido que o da α7 II. A nova cámara operaría nun rango ISO de 100 a 51.200 (podendo ampliarse a un rango de 50 a 204.800 para imaxes estáticas), contando tamén cun impresionante rendemento en case todas as condicións de disparo, mellorando considerablemente a precisión á hora de reproducir tons de pel ou cores vibrantes da natureza.
Está equipada con estabilización óptica de imaxe de 5 eixes e pode disparar en formato RAW de 14 bits incluso nos modos silencioso e de disparo continuo.
Poder gravar vídeo en 4Kvi (3.840 x 2.160 píxeles) é unha importante novidade para esta cámara que na gravación de vídeo recolle realmente 2,4 veces a cantidade de información requirida para o vídeo 4K, de xeito que parte dunha resolución superior que permite conseguir así un nivel de detalle e profundidade excepcional. Tamén é compatible con HDR en vídeo, de xeito que os resultados poderán verse en televisores compatibles. A cámara tamén permite gravar a 120 imaxes por segundo en Full HD até a 100 Mbps, conseguindo así unha cámara lenta de 4 ou 5x.
A Sony α7 III chegará ás tendas en abril e o seu prezo en EE.UU. será de 1.999 dólares (só o corpo).

Vídeo de presentación da nova cámara de Sony

PUBLICIDADE