José López e Valentín García animan a colaborar na campaña de doazón de voces do Proxecto Nós

martes, 23 de xullo do 2024 Redacción

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, lanzou esta mañá un chamamento a participarmos na campaña de doazón de voz posta en marcha no marco do Proxecto Nós, a iniciativa da Secretaría Xeral de Lingua e a Universidade de Santiago para impulsar a incorporación do galego no ámbito das tecnoloxías avanzadas e intelixentes. Fíxoo en Xinzo de Limia, na Casa da Cultura, onde lembrou “a importancia da colaboración da cidadanía para seguir avanzando na xeración de recursos, co obxectivo de poder interactuar na nosa lingua nas plataformas tecnolóxicas”.
As colaboracións, que comezaron os días pasados no Concello de Porto do Son, cunha xeira de traballo na que participaron o alcalde Luis Oujo, ou o patrón maior da Confraría de Portosín, Isaac Gaciño, poden facerse vía web, que emprega a plataforma doutro gran proxecto colaborativo como é Common Voice da Fundación Mozilla.
En Xinzo o conselleiro destacou que “son esenciais campañas como esta, coa que pretendemos recoller a maior cantidade de horas gravadas en galego para garantir que as ferramentas do proxecto funcionen ben”. Así, segundo explicou, “trátase de recompilar a fala de distintos lugares, contando coa variedade fonética e dialectal de Galicia, así como de persoas de distinto xénero e idade”.
Engadiu que a campaña Agasállanos coa túa voz é a segunda que desenvolve a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, despois das experiencias levadas a cabo en Porto do Son e Melide o ano pasado. Desta vez, chegarase a 16 concellos de diferentes comarcas de Galicia de maneira que as persoas que o desexen poidan acudir ás aulas CEMIT (habilitadas pola Xunta con computadores e Internet para uso da cidadanía) presencialmente para facilitar a súa mostra vocal.
López Campos participou na Casa da Cultura de Xinzo, xunto co secretario xeral de Lingua, Valentín García, nunha demostración do funcionamento da plataforma ante os presentes, lembrando que “calquera persoa pode gravar a súa voz tamén telematicamente a través do portal Doa a túa voz”. Segundo dixeron, no portal do Proxecto Nós xa se pode experimentar de maneira libre con tres aplicacións baseadas en redes neuronais artificiais desenvolvidas en fase de demostración: unha ferramenta que permite a conversión de texto a voz, o primeiro tradutor neuronal feito en Galicia e un sistema de recoñecemento da fala. É para este último recurso, que permitirá que calquera máquina recoñeza a voz dunha persoa cando se dirixa oralmente a ela en galego, polo que se pon en marcha esta campaña presentada en Xinzo, recordaron, engadindo que a plataforma Common Voice, a través da que se desenvolve a iniciativa da recollida de voces, conta con 700.000 frases en galego (agárdase que se supere o millón nos vindeiros meses) que precisan ser lidas, co obxectivo de acadar as 1.000 horas de gravación.
Ademais, nas vindeiras semanas, tal como se vén de anunciar no Consello da Xunta, poranse en marcha dous proxectos piloto. Un ten que ver con melloras no tradutor Gaio e outro coa integración dunha voz feminina que posibilite a escoita en galego de todo o contido da web institucional.
Estes son algúns dos últimos avances do proxecto que no pasado mes de xuño presentou Carballo, o primeiro modelo lingüístico de Intelixencia Artificial para o galego, en palabras do conselleiro “un paso histórico que permitirá o desenvolvemento de sistemas intelixentes creados especificamente nesta lingua”.