A campaña De Fronte da Deputación de Coruña convoca á mocidade para encher a Rede de vídeos contra a violencia

martes, 14 de novembro do 2023 S. P.

A Deputación da Coruña impulsou unha nova edición da súa campaña De Fronte, coincidindo unha vez máis co 25 de novembro (o 25N é o Día para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres). Nesta edición a entidade provincial pon o foco nas violencias machistas en contextos de lecer, na festa e no ocio nocturno, tendo como público obxectivo principal a mocidade. A axenda inclúe por unha banda un acto institucional (o día 24 de novembro no Pazo Provincial da Coruña con Caamaño & Ameixeiras, ás 10:45h) e pola outra unha xira de obradoiros de divulgación en clave tecnolóxica.
A xira chegará aos concellos de Cabana (9 de novembro), Boiro (11), Cedeira (13), Outes (14), A Pobra do Caramiñal (15), A Coruña (16), Zas (17), Ribeira (21), Arzúa (22), Corcubión (23) e Valdoviño (27).
O obxectivo destes talleres itinerantes é abordar co alumnado conceptos chave arredor das violencias machistas en contextos de lecer e ocio nocturno. Destes obradoiros sairán varias micro pezas dixitais en formato stop motion que a Deputación achegará na Rede.
Segundo explica a Deputación, estas actividades creativas e divulgativas están formuladas en positivo e buscan “cuestionar mensaxes e hábitos que alimentan que as violencias sexuais sigan a reproducirse, obradoiros nos que repensar o uso e gozo do lecer, da festa ou do consumo responsábel para construírmos relacións igualitarias, en liberdade e con respecto”.
Crearanse breves vídeos divulgativos con testemuños de situacións reais de agresións sexuais no contexto de ocio nocturno ou festa.
A programación da campaña complétase coas actividades, guías e outros recursos dispoñíbeis para a súa consulta e que “aumentan ano tras ano”, segundo explicou a Deputación.
Tamén está dispoñibel para a súa descarga a imaxe gráfica da campaña en distintos formatos.

PUBLICIDADE