A campaña de promoción turística de Vigo en FITUR rexistrou 1.560.000 visualizacións nas redes sociais
martes, 4 de febreiro do 2025
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, fixo balance da actividade dixital xerada pola cidade na pasada edición da feira turística FITUR, referente do sector a nivel estatal e europeo. Segundo fixo saber, a campaña Vigo, cidade única no mundo e o vídeo de promoción dos atractivos da cidade, presentados o pasado 23 de xaneiro en FITUR, contabilizaron 1.560.000 visualizacións nas principais redes sociais.
Abel Caballero destacou o interese constatado por Vigo a través das visualizacións rexistradas nas principais redes sociais da promoción turística despregada en FITUR, tanto coa campaña Vigo cidade única como co vídeo explicativo dos enclaves para gozar da cidade.
O alcalde explicou que das 1.560.000 de reproducións nas redes, en Facebook rexistráronse un total de 785.000; outras 413.000 correspóndense con TikTok; 389.000 con Instagram; 26.000 con YouTube e 6.000 con X. Estes datos triplican aos rexistrados na edición de FITUR de 2024, con 508.000.
Ante estas cifras, o alcalde remarcou o aumento nun "300 por cento o número de visualizacións sobre os do ano pasado, e iso pon de manifesto o atractivo de Vigo, e sinala que a cidade non ten límite ao crecemento turístico porque somos unha gran potencia turística”. Engadiu que o incremento do interese verificado nas redes sociais confirma “a plenitude da oferta turística e o que é nestes momentos a cidade de Vigo”.
Vídeo da campaña