A campaña do 25N do Concello de Santiago pon o foco na violencia dixital

venres, 7 de novembro do 2025 S. P.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, presentou este venres 7 de novembro a campaña do Concello de Santiago polo 25N, Día internacional pola Eliminación da Violencia Contra as Mulleres, que este ano pon o foco na violencia no eido dixital e se dirixe de forma especial á xente nova.
Baixo o lema Non é un trend, é violencia dixital, busca que a xuventude compostelá poida identificar e denunciar condutas violentas en liña, así como que a poboación adulta entenda estas novas expresións machistas.
Na presentación, Goretti Sanmartín estivo acompañada pola directora de área de Políticas Sociocomunitarias, Clara Ortega, e pola xefa de Servizo da Área de Acción Social, Teresa Furelos.
“O que queremos é combater a trivialización e a frivolización no ámbito das redes”, explicou Sanmartín, e referiuse a “como determinados comentarios e condutas que veñen perpetuar o desprezo e o control ás mulleres parecen que se consenten e que non teñen maior importancia, moitas veces disfrazados de humor”.
Sinalou que campaña do 25N do Concello de Santiago aposta por “unha mensaxe clara e directa” para sensibilizar e concienciar a toda a cidadanía sobre a necesidade de erradicar as violencias machistas, centrando nesta edición a súa mensaxe na violencia dixital. Para iso, busca facer visible “aquilo que a miúdo se banaliza ou normaliza no ámbito das redes: comentarios, imaxes ou condutas que perpetúan o control, a humillación e o desprezo cara ás mulleres”.
A alcaldesa lembrou que os datos son elocuentes, e que segundo o informe Generación expuesta: jóvenes frente a la violencia sexual digital, o 60,6% da mocidade recoñece ter sufrido algún tipo de violencia sexual dixital, sendo as mulleres as principais vítimas. Entre elas, o 28,7% recibiu contido sexual non solicitado e o 23,6% padeceu tres ou máis formas distintas de violencia dixital, fronte ao 14,2% dos homes. As agresións prodúcense maioritariamente en redes sociais (39,7%) e en aplicacións de mensaxería (34,9%), e en moitos casos o agresor é unha persoa coñecida.
A campaña pon o foco na mocidade porque é o grupo máis exposto a este tipo de violencia, pero está dirixida a toda a cidadanía.
A alcaldesa compostelá sinalou que esta campaña desenvolverase principalmente nas redes sociais, mais tamén terá apoio de material físico, como carteis e publicidade na rúa e nos autobuses urbanos.
As persoas ou entidades que desexen obter material da campaña para contribuír á súa difusión, poden facelo dende o 10 ata o 24 de novembro (ou ata esgotar unidades). Para isto, deberán acudir ao CIM en horario de 8.30 a 14.30 horas; ou ben, á Casa Xohana Torres nas seguintes datas e horarios: do luns 10 ao venres 14, de 9.45 a 13.00 horas; luns 17, mércores 19, venres 21 e luns 24 de 9.45 a 13.00 horas; e o martes 18 de 16.00 a 19.30 horas.
Por iso, a campaña apela de facto a todas as idades: busca que a mocidade identifique e denuncie condutas machistas en liña, e que a cidadanía adulta comprenda estas novas formas de violencia e o impacto real que teñen nas vítimas. A súa difusión realizarase en distintas canles e con contidos adaptados a cada medio para chegar a públicos diversos e fomentar unha reflexión conxunta sobre a violencia de xénero no ámbito dixital.
Con esta campaña, o Concello de Santiago reafirma o seu “compromiso coa igualdade” e “coa loita contra todas as formas de violencia machista, tamén nas súas manifestacións máis novas”.
A campaña do Concello do 25N desenvolverase ao longo das próximas catro semanas. O día 25 de novembro terá lugar un acto coa lectura da declaración institucional que a Corporación Municipal aprobou por unanimidade no último pleno, pola eliminación da violencia machista.