A campaña turística de Vigo acada 1,67 millóns de visualizacións en redes sociais

luns, 2 de febreiro do 2026 S. P.

O Concello de Vigo fixo balance da súa campaña turística Vigo, un Nadal de 365 días e o vídeo de promoción dos atractivos da cidade, presentados o pasado 22 de xaneiro na feira turística FITUR, evento madrileño de referencia no sector en España. A campaña e os vídeos contabilizou 1.674.200 visualizacións nas principais redes sociais, segundo detallou o rexedor no seu balance, Abel Caballero.
O alcalde destacou “o interese constatado por Vigo a través das visualizacións rexistradas nas principais redes sociais da promoción turística despregada en FITUR”. Tamén explicou que das 1.674.200 de reproducións nas redes, en Instagram rexistráronse un total de 661.932; outras 473.500 correspóndense con Tik Tok; 328.768 con Instagram e 210.000 con Youtube. Son datos rexistrados nos perfís de redes sociais do rexedor, do Nadal de Vigo e de Turismo. Estes datos incrementan o resultado dos rexistrados na edición de FITUR de 2025, con 1.559.913, e na de 2024 con 508.232 visualizacións.
Vigo presentouse en FITUR 2026 como un destino turístico vivo, dinámico e sorprendente durante todo o ano. Baixo o lema Vigo, un Nadal de 365 días, a cidade convida a descubrir “unha experiencia única que combina tradición, modernidade e diversión en calquera estación”.