A canción máis escoitada en Spotify hoxe é obra dun galego

mércores, 25 de outubro do 2023 Marcus Fernández

Gráfico no que podemos ver a evolución de Si No Estás na listaxe do máis escoitado en Spotify

Nos últimos días un coruñés chamado Íñigo Quintero está a sorprender por colocar o seu tema Si No Estás de número 1 mundial en Spotify, cando practicamente ninguén escoitara falar dese mozo de 22 anos que se trasladou hai anos a Madrid para estudar.
A evolución de Si No Estás en Spotify é bastante curiosa, xa que o tema estreouse na plataforma o 23 de setembro de 2022 sen ter apenas repercusión, e foi no 25 de setembro deste mesmo ano cando gañou relevancia, de xeito que leva un mes enteiro entre as cancións máis escoitadas en Spotify, acumulando máis de 130 millóns de reproducións, mentres que en YouTube o seu lyric video ten 36 millóns de reproducións en 4 semanas.
De todo isto podemos entender que realmente foi este último mes cando Quintero contou con promoción activa nas plataformas en liña. De feito, non foi até o pasado mes de marzo cando fichou polo selo Acqustic, e nas últimas semanas tamén contou co apoio de certos influentes, de xeito que conseguiu disparar a súa popularidade.
Aseguran que o éxito meteórico do tema de Íñigo Quintero está provocado pola viralidade en TikTok e pola súa incorporación en listaxes de reprodución en Spotify, xogando as discográficas un rol crucial neste último factor, xa que poder coarse entre as recomendacións de Spotify fai que millóns de persoas poidan descubrir unha cancións que logo gardar para escoitar máis adiante e mesmo levar a seguir ao seu intérprete.
Tampouco faltan teorías da conspiración que apuntan a que o éxito de Íñigo Quintero é artificial, alimentado por bots en plataformas como Spotify e TikTok, así como a posibilidade de que a relixión contribuíse á popularidade na Rede (pois hai países nos que certos grupos cristiáns teñen un peso moi importante a nivel de consumo de produtos culturais), pero o máis probable é que simplemente esteamos ante un caso no que coincidiu un bo uso das ferramentas de marketing dunha discográfica coa maxia da viralidade que provoca éxitos case instantáneos.

Lyric video do tema Si No Estás

PUBLICIDADE