A capacitación dixital será o eixo dos cursos gratuítos que organiza o GALP Ría de Pontevedra
luns, 15 de setembro do 2025
Será na recta final de setembro, os días 22, 24 e 29 deste mes, cando teña lugar a acción formativa gratuíta encamiñada a persoas autónomas e entidades asociativas da área de influencia do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Pontevedra (GALP-RP), quen está detrás desta actividade. Indo ao curso, dicir que ten como obxectivo responder á necesidade de adquirir competencias dixitais básicas para manexarse con seguridade no profesional e asociativo da vida cotiá.
Esta formación está pensada para persoas principiantes no manexo dos trámites online. Abordaranse o uso de ferramentas como a Cl@ve PIN ou o Certificado Dixital FNMT, a descarga de documentos oficiais ou a xestión de axudas públicas específicas do sector pesqueiro. Asemade, no caso das asociacións, inclúese un módulo adicado á seguridade básica en internet e ao manexo da AutoFirma.
No caso das asociacións, a formación está deseñada para dar resposta ás súas necesidades específicas de dixitalización. As persoas que forman parte das directivas ou colaboran na xestión asociativa aprenderán a realizar trámites en liña con administracións públicas e outras entidades de maneira sinxela e rápida, o que lles permitirá gañar independencia e reducir a dependencia de terceiros. Alén disto, trataranse boas prácticas para protexer datos e comunicacións, reforzando a seguridade das entidades. Trátase de dotar ás asociacións de confianza, recursos útiles e autonomía para que poidan desenvolver a súa actividade diaria cunha maior eficacia e seguridade, fortalecendo así o seu papel na vida social e comunitaria do territorio.
Segundo David López, responsable de impartir os cursos, a formación está pensada para que todas as persoas participantes poidan seguir o ritmo sen dificultade: “As explicacións serán sinxelas, sen tecnicismos, e resolveranse as dúbidas no momento. Queremos que se sintan capaces de aplicar o aprendido desde o primeiro día”.
A través desta iniciativa, o GALP Ría de Pontevedra busca fortalecer a autonomía das persoas participantes, incrementando a súa confianza no manexo das ferramentas dixitais que, a día de hoxe, resultan imprescindibles para desenvolver calquera actividade profesional ou asociativa nun contexto crecente de dixitalización.
Lembrar que a formación para persoas autónomas celebrarase os días 22 e 24 de setembro, mentres que as sesións dirixidas a asociacións desenvolveranse os días 22, 24 e 29 de setembro. Todas elas impartiranse en horario de tarde na Aula CeMIT de Marín, situada no edificio da Biblioteca Municipal. As persoas interesadas en participar poden inscribirse na ligazón habilitada dende a web de GALP Ría de Pontevedra.
