A caravana Airstream de R recala na Estrada e máis en Cambados
luns, 29 de xuño do 2026
Segue o seu percorrido pola xeografía galega a caravana Airstream de R, faciana móbil da campaña de proximidade da operadora galega que aposta polo “contacto directo coas persoas e con achegarlles interacción, diversión e servizos avanzados”. Logo das paradas en Ortigueira, Cariño, Betanzos, As Pontes, Ribadavia, Celanova, Barbadás, Caldas, Ordes, Arzúa e Melide, a caravana rematará o seu periplo na Estrada (30 de xuño, 1 e 2 de xullo) e máis en Cambados (3 e 4 de xullo).
A caravana Airstream de R permite á veciñanza das ditas localidades coñecer, por exemplo, o servizo de Internet rural de R (banda larga con 5G en zonas de acceso difícil) ou o servizo Cachocobertura R para interiores con mala conectividade, entre outras novidades do seu catálogo.
En palabras da operadora galega, “a caravana de R é máis do que un vehículo en ruta por Galicia cunha oficina móbil e unha proposta divertida, é unha campaña de proximidade que aposta polo contacto directo coas persoas e que deixará pegada logo de cada parada porque ofrece interacción, diversión e servizos avanzados”.
O interior da caravana servirá tamén para amosar dispositivos do fabricante vivo, socio tecnolóxico da acción, cunha oferta especial dispoñible unicamente durante a ruta e xestionada desde o propio vehículo.
A proposta incluirá distintas actividades promocionais, como xogos cunha máquina de aire que permitirá conseguir premios directos e participar no sorteo dun smartwatch de Vivo. Ademais, haberá concursos en redes sociais para anticipar as seguintes paradas da caravana e xerar expectación arredor do percorrido.
