A catedrática Nieves Rodríguez Brisaboa, Premio Ada Byron 2016

venres, 27 de maio do 2016 Redacción

Un dos galardóns anuais de especial significado (polo que ten de anti-fenda dixital e de anti-discriminación de xénero) do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia é sen dúbida o Premio Ada Byron, dirixido a mulleres enxeñeiras en Informática, líderes na adopción da tecnoloxía e, segundo se fai saber nas bases do galardón, “con capacidade para mesturar coñecementos técnicos e visión social”. Este ano a distinción recaerá na catedrática Nieves Rodríguez Brisaboa, doutora en Computación e Psicoloxía. Nieves recollerá unha estatuíña conmemorativa o vindeiro día 3 de xuño, dentro dos premios anuais do CPEIG na Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia.
A coruñesa Brisaboa é catedrática da Universidade da Coruña da área de Linguaxes e Sistemas Informáticos e creou en 1996 o Laboratorio de Bases de Datos (LBD,) declarado como “grupo de investigación de excelencia” pola Xunta de Galicia, que dirixe desde entón. En 2002, tendo en conta a gran cantidade de proxectos de I+D e transferencia desenvolvidos polo LBD, creou a spin-off Enxenio, especializada en produtos informáticos avanzados.
Segundo lembra o CPEIG, entre 2007 e 2010 foi xestora do plan galego de I+D+i para a Sociedade da Información, cargo ao que renuncia en 2010 para asumir a responsabilidade de xestora do Plan Nacional de I+D en Tecnoloxías Informáticas hasta 2014.
Desempeñou tamén cargos de xestión académica: foi desde secretaria da Facultade a xunta ao Vicerreitorado de Innovación Tecnolóxica (2011-2004) e ao de Investigación e Transferencia (2012-2013).

JPEG - 66.3 KB
A catedrática e investigadora galega nunha imaxe recente de Patricia Fraga para El Ideal

O CPEIG tamén recorda que o seu labor de investigación ten xerado unha manchea de publicacións en foros internacionais de primeiro nivel e as súas contribucións na recuperación de información, compresión e indexación de textos, bibliotecas dixitais e sistemas de información xeográfica son citadas a nivel internacional.
Nieves Rodríguez Brisaboa conta cunha longa experiencia na dirección de proxectos obtidos en convocatorias públicas, cun importe total de máis de 1,5 millóns de euros e a obtención de contratos de transferencia de tecnoloxía con empresas privadas e administracións públicas por máis de 2,5 millóns de euros.

PUBLICIDADE