A chinesa Elephone chega a España con servizo técnico en Galicia

xoves, 29 de setembro do 2016 Marcus Fernández

Cada vez son máis os fabricantes asiáticos que desembarcan en Europa para espallar o seu negocio e ofrecer un mellor servizo aos seus clientes, e unha das compañías chinesas de máis presenza no noso mercado en produtos como os smartphones, os smartwatches ou as cámaras de acción, Elephone, vén de dar un paso importante abrindo canle de distribución e soporte técnico oficial en España, para o que chegaron a un acordo con Telenet Central Logística, S.A., compañía que convértese no distribuidor exclusivo da marca no territorio español.
Deste xeito Elephone xa conta cunha páxina web oficial na que recolle a información dos seus produtos, á vez que tamén facilita o acceso á súa tenda en liña e ao seu servizo técnico (xestionado por Celular Net), que responderá á garantía de 2 anos da que gozarán os produtos adquiridos a través da canle oficial (os comerciantes que importen directamente dende China deberán responder da garantía pola súa conta).
Cómpre destacar que a empresa que xestiona as reparacións de Elephone, a mencionada Celular Net, ten sede en Mos (Pontevedra), polo que os trebellos que presenten problemas non terán que viaxar ao estranxeiro para a súa reparación, reducindo os tempos de resposta e converténdose así en toda unha garantía para os usuarios que queiran animarse a adquirir un produto da marca chinesa e non queiran arriscarse a mercalo a través de tendas en liña asiáticas.
Para potenciar a presenza española Elephone tamén conta con páxina de Facebook e conta en Twitter, e actualmente no seu catálogo destacan produtos como o smartwatch Elephone W2 (que custa só 79,90 euros), unha cámara deportiva 4K que custa só 89,90 euros, unha innovadora cámara de 360 graos (por 199,90 euros) e smartphones con prezos que van dende os 99,99 até os 274,99 euros, estando previsto que durante o último trimestre do ano reciban varios terminais moi atractivos como o Elephone S7, que contará cun procesador de 10 núcleos, 3 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno, pantalla Full HD de 5,5 polgadas e cámaras de 16 e 8 Mpíxeles.

PUBLICIDADE