A chinesa TCL farase cargo do negocio de televisores de Sony

martes, 20 de xaneiro do 2026 Redacción

Pese a que durante décadas Sony foi un dos grandes referentes no mercado dos televisores, a situación mudou radicalmente coa chegada das compañías surcoreanas LG e Samsung, por iso agora non sorprende que a compañía nipoa decidise realizar unha reestruturación do seu negocio separando a súa división de televisión, que será transferida a unha nova sociedade conxunta coa chinesa TCL.
A compañía chinesa controlará o 51 % da nova entidade, mentres que Sony manterá o 49 %. O acordo prevé que a nova empresa xestione de maneira global todo o ciclo de vida dos produtos de televisión e audio doméstico, desde o deseño ata a fabricación e venda. As marcas Sony e Bravia seguirán presentes no mercado, aínda que os detalles sobre sede e estrutura directiva están pendentes de pecharse.
O obxectivo é aproveitar a capacidade de produción e a competitividade en custos de TCL, actualmente o segundo maior fabricante mundial de televisores, cunha cota do 13,8 % en 2025, só por detrás de Samsung. Sony, pola contra, reduciu o seu peso ata o 1,9 %, con 4,1 millóns de unidades enviadas ese ano.
A compañía xaponesa prevé pechar o acordo definitivo antes de finais de marzo e iniciar a actividade da nova sociedade en abril de 2027.