A ciberseguridade a as oportunidades do blockchain foron o tema dunha xornada en Santiago

luns, 10 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

O pasado venres o Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) celebrou en Santiago de Compostela unha nova quenda de charlas do programa divulgativo da súa Oficina de Transformación Dixital (OTD): dúas sesións para explicar as aplicacións da tecnoloxía blockchain (a tecnoloxía cadea de bloques, moi acaida para o ámbito das transaccións económicas dixitais) en diferentes contornas e usos empresariais e, tamén, para detallar como aplicar a nova lei de Protección de Datos a través da ciberseguridade. A divulgación no primeiro dos ditos eidos temáticos veu da man de Javier Pazos, director de Conta na firma galega Docuten, empresa especializada en sinatura dixital, factura electrónica e solucións de cobros.
Pazos describiu como esta tecnoloxía blockchain, desenvolvida na última década, elimina intermediarios a través do uso de redes compartidas e ten aplicacións a nivel práctico como os contratos intelixentes, a seguridade nas transaccións ou a certificación da veracidade documental. Pazos engadiu que “malia a crecente popularidade da cadea de bloques, gran parte da sociedade e dos propios empresarios non chegan a entender cal é realmente o seu potencial e se é algo máis que unha ferramenta para crear criptomoedas”. En base a isto, adicou boa parte do seu relatorio a mostrar e debullar exemplos concretos de aplicación de blockchain para visualizar o uso potencial desta tecnoloxía no ámbito empresarial.
Para que non o saiba, a tecnoloxía blockchain consiste en libros de contabilidade electrónicos que son compartidos abertamente por moreas de usuarios e que gravan todas as transaccións que se apuntan neles e sen que haxa xeito de modificalas. Teñen unha manchea de posibilidades para o ámbito das moedas virtuais.
Pola súa banda, Celia Fariña Pagés, licenciada en Física e mestrado en Telemática, actual responsábel de Protección de Datos da delegación do Grupo Isonor na Coruña, expuxo os cambios normativos no regulamento da información e na garantía dos dereitos dixitais para, de seguido, abordar como se poden aplicar na empresa a través da ciberseguridade. Fixo fincapé nas principais ameazas para as compañías e nas formas máis eficaces de afrontalas.
Fariña tamén brindou recursos prácticos sobre como cumprir as nosas obrigas co coñecemento (propio e alleo) e coa privacidade a través de diversas ferramentas ao noso dispor.
124 accións nos vindeiros meses
A actividade deste 7 de xuño na Coruña enmárcanse nun intenso calendario de 124 accións coas que o ICOIIG chegará ás sete principais cidades galegas até o próximo mes de setembro. Todas elas son de acceso libre e de balde para todas as empresas interesadas.
Esta campaña divulgativa afondará en aspectos como a forma de sacarlle proveito á realidade aumentada, as oportunidades da impresión 3D, as solucións que permite a análise da información a gran escala (Big Data) o desenvolvemento da mercadotecnia dixital, a Intelixencia Artificial, a robótica, a dixitalización dos almacéns coa loxística 4.0, a aplicación da tecnoloxía blockchain aos negocios, as contribucións do uso de drons nas empresas ou a utilidade da ciberseguridade ante os riscos dixitais.
As Oficinas de Transformación Dixital postas en marcha en toda España polo Ministerio de Economía e Empresa, a través da entidade pública Red.es, contan cun orzamento global de cinco millóns de euros. As actuacións a realizar serán financiadas con cargo ao Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE), Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) do período de programación 2014-2020 e baixo a lema Unha maneira de facer Europa que ten entre os seus obxectivos mellorar o uso, a calidade e o acceso ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).

PUBLICIDADE