A ciberseguridade, a informática e os procesadores de texto, na oferta formativa da Coruña para persoas desempregadas
luns, 4 de setembro do 2023
O Concello
da Coruña iniciou o mes de setembro con novo cursos de balde para
persoas desempregadas: unha nova e diversa achega formativa que
volve poñer o foco nas novas ferramentas tecnolóxicas. Durante as
vindeiras semanas iniciaranse seis cursos de formación en diferentes
materias que van dende a informática aos traballos en edificios ou
locais e que suman un total de 89 prazas dispoñíbeis.
Segundo informaron fontes do Concello, a formación
con máis dispoñibilidade é a de Ciberseguridade, que conta
cun total de 30 prazas. Comezará o vindeiro 11 de setembro e ten
como data prevista de finalización da parte presencial o vindeiro 14
de outubro, posteriormente terá unha parte en liña que rematará o
30 de novembro. Consta de 253 horas de formación en horario de mañá
e tarde, de 9.00 a 18.00 horas. A parte presencial impartirase no
Centro Municipal de Emprego dos Rosales e conta cun compromiso de
inserción laboral de seis meses para un mínimo do 25% do alumnado
que finalice o programa.
A oferta do módulo en ciberseguridade forma parte
da aposta do Goberno de Inés Rey pola formación en novas
tecnoloxías, sumándose á programación en Big Data que
contou con catro edicións da formación, “dúas máis das
previstas pola alta demanda de solicitudes”, engadiron dende o
Concello.
O vindeiro 11 de setembro comeza tamén un curso
en iniciación á informática, que conta cun total de 10 prazas e 30
horas de formación. Será impartido en horario de tarde, de 15.30 a
19.30 horas no Centro Municipal de Emprego dos Rosales e ten como
data prevista de finalización é o 20 de setembro. Súmaselle a
formación en procesador de textos, tamén con 10 prazas dispoñíbeis,
que comezará o vindeiro 25 de setembro. Impartirase no mesmo horario
no Centro Municipal e rematará o 20 de outubro, logo das 75 horas
lectivas.
Aos cursos en informática súmanse dúas
formacións en traballos manuais: traballos verticais, andamios e
liñas de vida e limpeza de superficies e mobiliario en edificios e
locais. Ambas dispoñen de 12 prazas e impartiranse en horario de
tarde de 15.30 a 19.30 horas e de 15.30 a 20.30 horas
respectivamente. O curso de traballos verticais impartirase nos
Rosales mentres que o de desinfección de edificios será no Centro
Formativo Praxis.
A última das accións formativas é a relativa ao
grao en educación secundaria de persoas adultas. Ten un total de 15
de prazas e 800 horas de formación. Impartirase en horario de mañá,
de 9.20 a 13.00 horas no Centro de Ensino Aula Nosa e ten como data
de finalización o 22 de xuño do vindeiro ano.
Para a inscrición en todos os cursos cómpre
solicitar información á área de orientación laboral do Concello
da Coruña, a través do formulario de contacto ou entrevista, na web
www.coruna.gal/emprego ou
no teléfono 981 184 399 do Centro Municipal de Emprego dos Rosales.