A ciberseguridade, a transformación turística e Google centran tres novos obradoiros de SmartPEME

luns, 30 de outubro do 2023 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPEME de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta tres novas accións formativas telemáticas para este punto de inflexión entre outubro e novembro. As actividades desta semana abordarán temas relacionados coa ciberseguridade, coas melloras de reserva para empresas turísticas e coa promoción de negocio a través de Google.
A primeira das xornadas comeza este luns 30 de outubro, entre as 10:30 e as 11:30 horas, co obradoiro Ciberseguridade, Antivirus e Actualización do Software, no que se afondará na necesidade de dispoñer de software actualizado para corrixir vulnerabilidades e de empregar un antivirus. Dirixirá este curso Manuel Freire, experto universitario en robótica, programación e impresión 3D.
O martes 31 terán cabida dous obradoiros. De 12:00 a 13:00 horas impartirase o obradoiro Promociona o teu Negocio co Perfil de Empresa de Google, co obxectivo de dar a coñecer as posibilidades do popular buscador, enfocada a negocios locais que busquen unha maior visibilidade. En concreto, trátase de amosar o aproveitamento das posibilidades da xeolocalización e as procuras que a súa potencial clientela poida facer empregando este buscador. Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual con experiencia na comunicación dixital, será o encargado de impartir o obradoiro.
O martes, entre as 17:00 e as 18:00 horas será a quenda do obradoiro Estratexias para Mellorar as Reservas Directas do teu Aloxamento, onde Patricia Cabaleiro, posgraduada en Turismo con dez anos de experiencia no sector turístico, explicará como reducir gastos, coma, por exemplo, as comisións de comercialización a través das reservas directas.

PUBLICIDADE