A ciberseguridade como estratexia centrou unha xornada do COETG-AETG no Club Nordés

mércores, 12 de febreiro do 2025 S. P.

O Colexio e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG), xunto con Akuda Ciberseguridade, celebraron na Coruña (no Club Nordés), o pasado 6 de febreiro, o evento A Ciberseguridade como Estratexia, dirixido a colectivo de directivas/os, profesionais de TI (Tecnoloxías da Información) e especialistas en seguridade interesado en verificar como a protección tecnolóxica pode transformarse nunha vantaxe estratéxica para as súas organizacións.
A xornada contou cun nutrido número de asistentes, que tiveron a oportunidade de explorar, da man de especialistas e expertos na materia, as tendencias actuais e futuras en ciberseguridade para o ano 2025, ademais de comprender as claves para adaptarse ao novo marco regulamentario en ciberseguridade, estudar análise de casos de estudo reais que serven de inspiración para desenvolver estratexias efectivas e realizar networking con especialistas no campo.
Ademais durante a xornada analizáronse os distintos tipos de ciberataques, como afrontalos, coas ferramentas e métodos dispoñíbeis, tendo en conta a irrupción da Intelixencia Artificial. A concienciación, a prevención e a formación son os principais retos.