A ciberseguridade e intelixencia artificial, eixes temáticos da VII Xornada de Informática Xudicial

luns, 18 de setembro do 2017 Fernando Sarasketa

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG) está a ultimar os detalles da sétima edición dun dos nosos eventos tecnolóxicos máis referenciais e dos que máis ramificacións abrollan (non só tecnolóxicas, senón tamén sociais, económicas, policiais e, por suposto, xudiciais). Estamos a falar da Xornada de Informática Xudicial, que se celebra o 4 de outubro na Cidade da Cultura en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Os fíos condutores desta nova entrega serán non só os relacionados coa ciberseguridade, senón tamén os da intelixencia artificial, un ámbito que mostra gran interese por ser, en boa medida, o seguinte chanzo tecnolóxico que nos agarda na escaleira da evolución TIC.

Ofelia Tejerina participará na xornada convodada polo CPETIG

A edición deste ano, convocada baixo o título Ciberseguridade, privacidade e intelixencia artificial, adopta o nome propio de #IURISTICGAL17. Baixo este epígrafe e este nome, a organización busca ante todo “singularizar o evento”, unha cita “moi consolidada” a nivel galego e estatal e que serve de punto de referencia para a reflexión e o debate acerca dos rumbos que debera seguira loita contra o cibercrime.
Segundo nos conta o CPETIG, a xornada reunirá un salientábel panel de relatoras/es expertas/os do ámbito da avogacía, a enxeñaría informática, a maxistratura e as forzas de seguridade do Estado, que “darán unha visión integral da ciberseguridade e da revolución que supón a intelixencia artificial na aplicación da lei”.

Manuel Guerra, relator da xornada

Nun plano máis detallado, farase fincapé en cuestións innovadoras como a condución autónoma ou as fábricas plenamente automatizadas, e en como estes escenarios están a ser percibidos pola sociedade dun xeito ambivalente, á vez como oportunidade e como ameaza, “especialmente pola inevitábel destrución de postos de traballo que serán copados progresivamente por robots intelixentes”. En palabras da organización da xornada, esta “complexa realidade abre numerosas esixencias no eido do dereito, de xeito que os profesionais da xustiza están obrigados a coñecer, interpretar e aplicar estas tecnoloxías para dar unha resposta acorde aos crecentes requirimentos”.
Nun plano máis concreto e meténdonos xa no programa, sinalar que a intelixencia artificial na interpretación e na aplicación da lei, mediante un xuíz robot, será o tema de apertura da VII Xornada de Informática Xudicial, cun relatorio ofrecido por Alejandro Sánchez del Campo Redonet, regulatory counsel en Telefónica Digital.

Alejandro Sánchez

Despois, Ofelia Tejerina, avogada da Asociación de Internautas e membro do Grupo de Traballo sobre Dereitos Dixitais da Secretaría de Estado para a Sociedade da Información e a Axenda Dixital, exporá un relatorio sobre privacidade e dereitos fundamentais.
A ciberseguridade e a peritaxe informática centrarán o terceiro dos relatorios, ofrecido por Pilar Vila, perita informática en Forensic &Security, seguido dunha mesa redonda sobre Privacidade e xustiza ante un mundo plenamente dixital, moderada por Víctor Salgado, avogado TIC e director técnico da xornada.

O xuíz Eloy Velasco falará novamente no evento de Compostela

A sesión de tarde comezará coa exposición de Juan Antonio Frago, fiscal do Grupo de Delitos Económicos en A Coruña, titulada e-Xustiza, mito ou realidade?, para dar paso despois a Manuel Guerra, analista forense na Sección Técnica da Unidade Central de Investigación Tecnolóxica, UIT, da Policía Nacional, que exporá o relatorio titulado A ciberdelincuencia desde o outro punto de vista.

Pilar Vila, relatora da xornada


Como punto e final, #IURISTICGAL17 rematará cunha mesa redonda sobre Efectividade na persecución dixital de delitos e a súa validez probatoria na que actuará como relator e moderador Eloy Velasco, maxistrado da Sala de Apelación da Audiencia Nacional.
Inscrición anticipada ata o 24 de setembro
Segundo sinala o CPETIG, fara favorecer a asistencia a #IURISTICGAl17 nunhas “condicións vantaxosas”, estabñeceuse un prazo de inscrición anticipada até o vindeiro 24 de setembro, tanto para público xeral como para entidades colaboradoras e persoas asistentes a anteriores edicións. Para máis información e inscricións cómpre visitar a web da xornada iuristicgal.cpetig.org

PUBLICIDADE