A ciberserguridade galega loce casos de éxito en Madrid

xoves, 28 de novembro do 2019 Redacción

O pasado xoves 21 de novembro celebrouse en Madrid o evento Tech4Secur, o Congreso Internacional de Tecnoloxías para a Seguridade e as Emerxencias, impulsado pola consultora galega Ferreira Dapía Technology Consultant, con sede principal na Coruña. A cita contou cun centenar de asistentes, entre eles, corpos de seguridade do Estado, empresas de seguridade, profesionais das emerxencias, investigadores e desenvolvedores tecnolóxicos, cargos públicos, etc.
Tratábase da primeira edición dun congreso que acolleu 16 relatorios de alto nivel, 15 empresas participantes como expositoras, 6 empresas colaboradoras (asociacións e medios especializados), e dúas patrocinadoras (a viguesa Radiospectrum e Proyecto Salvavidas). O evento foi unha oportunidade inmellorábel para obter información actual e de utilidade sobre as tecnoloxías que serven para coordinar aos equipos de seguridade, previr incidentes en eventos masivos, salvar vidas e garantir a protección pública.
Entre os organismos participantes cómpre salientar a presenza do Centro Criptolóxico Nacional (anexionado ao CNI), a Axencia Espacial Europea, a Subdirección Xeral de Sistemas Terrestres do Ministerio de Defensa, a Dirección de Seguridade Cidadá do Concello da Coruña ou Madrid Destino.
Entre as empresas privadas luciron achados e experiencias de éxito as seguintes compañías, moitas delas galegas: Radiospectrum, Proyecto Salvavidas, Genasys, Imatia, Situm, Sistelec, Sygic, Teltronic ou Sateliun.
O congreso foi conducido por Pedro Gómez, produtor e director do programa Protegidos Radio e experto en seguridade pública e privada. Mentres que o encargado de abrir o acto foi Manfredo Monforte Moreno, xeneral de división do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial.
Javier Candau, xefe do Departamento de Ciberseguridade do Centro Criptolóxico Nacional declarou no congreso que “España é o país do mundo que mellor xestiona a ciberseguridade” e salientou a importancia das medidas de prevención: “Gustaríanos ser moito máis proactivos, pero moitas veces actuamos só cando nos chaman porque xorde un problema”.
Raúl Valera Tena, director de Seguridade e Emerxencias de Madrid Destino, centrouse no “desaxuste existente” entre a nova normativa, que regula a seguridade en eventos públicos, e a falta de técnicos especializados nesta materia. “A clave é a formación”, dixo, engadindo que unha das maiores innovacións neste eido é a tecnoloxía SARF porque “permite controlar, intervir e potenciar as comunicacións no que sería un evento como a cabalgata dos Reis Magos en Madrid”.
As tecnoloxías de prevención contra abusos sexuais ocuparon tamén un lugar destacado nesta primeira edición do evento. Así, Anna Almécija Casanova, avogada e criminóloga, declarou que para desenvolver tecnoloxías primeiro hai que falar coas vítimas: “Non podo crear unha app para a violencia de xénero se nunca falei cunha vítima de violencia de xénero”.
Houbo tamén lugar para falar da importancia que terá o Sistema Galileo en relación coa comunicación e a seguridade. Para iso, Javier Ventura-Traveset, director da Oficina Científica Galileo, Axencia Espacial Europea, salientou que Galileo xa entrou no mercado e fíxoo pola porta grande: “Agora o 95% dos chips inclúen Galileo, isto é un éxito, con mil millóns de usuarios en só 34 meses”.
Carlos García Touriñán, director de Seguridade e Emerxencias do Concello da Coruña, enxalzou a importancia das tecnoloxías para a seguridade na súa cidade: “Apostamos desde hai anos por incorporar novas ferramentas que nos permiten mellorar a seguridade cidadá, o que nos axudou a reducir e a previr os incidentes en grandes eventos, como aconteceu no dispositivo da noite de San Xoan”.
Entrega de premios
A xornada concluíu coa entrega de premios, en tres categorías respectivamente, a unha empresa privada, a un organismo público e ao mellor proxecto tecnolóxico innovador. Recaeron sobre a empresa Radiospectrum por “ofrecer un dispositivo tecnolóxico con capacidade para cubrir as necesidades do San Xoan na Coruña”; Carlos García Touriñán e o Concello da Coruña, pola “coordinación dos máis de 500 operativos despregados durante esa noite”; e a empresa galega Imatia Innovation, por “crear unha ferramenta que serve para garantir a seguridade no sector marítimo mediante o uso de vehículos aéreos e mariños non tripulados e opcionalmente tripulados”.

PUBLICIDADE