A cidadanía de Poio terá a súa disposición doce horas de formación TIC durante o mes de xaneiro

venres, 7 de xaneiro do 2022 S. P.

O Concello de Poio compartiu a axenda formativa da aula CeMIT local, situada na Escola do Campo de Combarro, para este mes de xaneiro (logo do seu peche habitual polas vacacións de Nadal). O ano 2022 comezará cunha axenda de cursos de balde que se estenderá durante máis de 12 horas, abranguendo diferentes temáticas e centrándose sobre todo na iniciación ás novas tecnoloxías e no uso de ferramentas de gran importancia como Internet ou dispositivos para a celebración de vídeo-conferencias.
Estes ciclos darán comezo o 17 de xaneiro. Os primeiros prolongaranse ata o venres 21 de xaneiro e versarán sobre iniciación á informática, para familiarizase co uso de ordenadores, e tamén pautas iniciais sobre a elaboración de follas de cálculo, mediante o uso da aplicación LibreOffice Calc (haberá tamén un obradoiro de nivel medio previsto entre os días 24 e 28 de xaneiro).
Do 24 ao 28 realizarase un curso básico de iniciación a Internet, mentres que do 31 ao 3 de febreiro haberá clases para aprender a crear e manexar unha conta de correo electrónico. Nas mesmas datas, ofreceranse pautas para o uso de Scribus, unha aplicación que permite o deseño de carteis e folletos. No tramo final de xaneiro tamén se ofertará un ciclo sobre o manexo de Facebook, Skype e Google para a realización de vídeo-conferencias.
A programación pecharase o 4 de febreiro cunha sesión sobre uso seguro de ordenador e dispositivos móbiles. Todos os cursos realizaranse en horario de tarde, ou ben de 16.00 a 17.30 o de 17.30 a 19.30 horas.
Se ben os cursos non comezan ata o día 17, a aula xa estará a disposición da cidadanía a partires do vindeiro luns 10 de xaneiro. As instalacións poderán utilizarse, previo rexistro, de luns a venres de 19.30 a 21.00 horas.

PUBLICIDADE