A cidadanía galega poderá autorizar a terceiros a realización dos trámites dixitais coa Xunta

luns, 3 de agosto do 2020 S. P.

Mar Pereira, directora de AMTEGA, nunha imaxe de arquivo

A AMTEGA deu a coñecer este luns un novo paso no proceso de dixitalización dos procesos tramitativos e comunicativos da Administración autonómica cos cidadáns: un novo paso para facer máis doada, áxil, segura e inmediata a relación que manteñen entre si. Segundo fai saber, en virtude desta nova iniciativa, as galegas e os galegos poderán autorizar a terceiros (unha terceira persoa ou un funcionario público) para a realización dos seus trámites dixitais coa Xunta.
A articulación desta fórmula recóllese no Decreto que regulará o Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos da Comunidade e cuxo prazo de exposición pública acaba de abrirse. Segundo fai saber AMTEGA, “é un dos pasos previos para a súa a aprobación no último trimestre do ano, no que se prevé que estea operativo”.
As solicitudes de apoderamento poderán realizarse a través da sede electrónica da Xunta ou ben de xeito presencial nas oficinas de atención e rexistro da Administración autonómica. A este respecto, o rexistro electrónico xeral de apoderamentos estará dispoñíbel na eSede da Xunta de Galicia, onde constará a relación dos trámites, procesos e servizos que poden ser obxecto deste procedemento. Así mesmo, as persoas interesadas poderán consultar os apoderamentos inscritos nos que figuren como outorgantes ou apoderados e o alcance de cada un deles.
O decreto regula tamén o rexistro autonómico no que constarán as persoas titulares de determinados órganos ou cargos, como alcaldes e presidentes das deputacións provinciais de Galicia; persoas titulares dos órganos das administracións públicas galegas cuxo nomeamento sexa publicado no Diario Oficial de Galicia ou no boletín oficial correspondente; directores de centros educativos públicos e universidades autonómicas ou delegados da Xunta no exterior.
Segundo informa AMTEGA, “este decreto incrementa as garantías e facilidades para cidadáns e empresas no contexto actual de transformación dixital, no que a xestión online se está a consolidar entre os galegos como a opción maioritaria para relacionarse coa Administración”. A axencia engade que “máis do 53% das xestións rexistradas pola Administración autonómica presentáronse online, ben a través da sede electrónica da Xunta, das oficinas virtuais, ou a través o rexistro electrónico.

PUBLICIDADE