A cifra de mulleres que traballa no noso hipersector TIC é de 7.891

luns, 15 de abril do 2019 Redacción

O observatorio OSIMGA, dependente da axencia galega AMTEGA, vén de facer unha radiografía pormenorizada do tecido galego das novas tecnoloxías en relación á presenza feminina, unha presenza que, se ben está aínda lonxe de ser igualitaria (as mulleres representan preto do 34% do total de profesionais do hipersector TIC), deixa certa marxe para predicir relevantes incrementos futuros. Segundo se conta no informe, en 2018 produciuse “un crecemento significativo do emprego feminino no tecido tecnolóxico, cun medre de afiliacións á Seguridade Social do 6,1%, un total de 1.335 persoas, das cales 354 eran mulleres, o que representa unha suba do 4,7%”. A día de hoxe o número de traballadoras é de 7.891.
Respecto por subsectores (contidos e TIC ao abeiro do devandito hipersector), o eido dos contidos é o ámbito no que as mulleres contan cunha meirande representación, acadando o 41,9%, mentres que no eido TIC a porcentaxe é do 31,6%. O medre de traballadoras produciuse sobre todo no sector TIC, con 326 novos empregos femininos (aumento do 6%), mentres que, no sector contidos, a cifra mantívose moi semellante á do ano 2017 (28 mulleres máis, un 1,3% máis que o ano anterior).
O incremento no emprego procede, principalmente, dun maior volume de traballadores do Réxime Xeral, cun aumento do 6,8% mentres que no Réxime Especial de Autónomos o incremento foi do 2,5%.
No estudo sinálase que no caso do sector TIC, o número de mulleres afiliadas á Seguridade Social aumenta o seu número absoluto, acadando no ano 2018 as 5.734 traballadoras cun incremento dun 6% respecto ao ano 2017. Porén, tamén se recoñece que a a fenda de xénero continúa nunha liña de crecemento porque o ritmo de aumento do emprego masculino é superior (8,5%).
O subsector das telecomunicacións é o que conta cunha maior porcentaxe de mulleres, acadando o 38,5% de traballadoras femininas. Por riba do 30% de persoal feminino tamén se sitúa nas empresas dedicadas ás actividades informáticas.
O informe certifica que o sector contidos é novamente o que rexistra un maior equilibrio entre homes e mulleres, aínda que a balanza continúa a favor do xénero masculino. A porcentaxe de mulleres neste sector sitúase no 41,9% e da emprego a 2.157 mulleres. A fenda de xénero no sector contidos supera os 16 puntos porcentuais. Porén, o informe de OSIMGA certifica que “no 2018 reduciuse a fenda de xénero, en 0,4 puntos porcentuais”.
Respecto da formación, o máis recente balance do observatorio galego reflicte que “mentres que o 26,7% dos traballadores do sector TIC son homes que contan cunha titulación TIC, só o 7,2% dos traballadores son mulleres que dispoñen da mesma formación académica”. O informe salienta igualmente “a significativa fenda” existente nos ciclos formativos superiores TIC: 18,4% de homes fronte a tan só un 3,9% de mulleres.
Polo que atinxe á presenza de mulleres nas distintas áreas funcionais das compañías do sector tecnolóxico galego, a investigación conclúe que “non é homoxénea”. Así, só o 9,7% das mulleres desenvolve funcións TIC, fronte ao 40,9% dos homes, cunha fenda de mais de 31 puntos. No caso das tarefas non TIC as mulleres están preto de acadar unha situación de equilibrio En relación ao persoal non dedicado a tarefas TIC, a porcentaxe de mulleres (16,9%) é 4,3 puntos inferior á dos homes (21,2%)
O 15,2% das empresas TIC galegas contan con mulleres en postos de dirección, “unha porcentaxe só testemuñal nun tipo de posto onde predomina os homes”, explícase, engadindo que “esta situación aínda se acentúa máis cando se analiza o persoal adicado a I+D+i: un 87,7% dos traballadores dedicados a I+D+i son homes fronte ao 12,3% de mulleres”.

PUBLICIDADE