A cifra de sistemas en liña de vixilancia multiplicouse por mil en catro anos

xoves, 16 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

Ninguén está a salvo: imos camiño dun mundo hipervixilado. Isto que semella ciencia ficción pódese comprobar a calquera nivel, dende o eido máis doméstico (todo o se faga nunha cea con amigos ou compañeiros de empresa é susceptible de ser rexistrado por un móbil con cámara agochado do xeito máis conveniente) até nos ambientes laborais e cidadáns onde desenvolvemos unha boa parte do noso tempo diario. Dito doutro xeito: a vixilancia é un negocio ben demandado, se cadra non por nós pero si polas persoas que temos ao noso arredor máis insospeitadas, e a Rede e os servizos dixitais de control axudan no proceso de proliferación. O preocupante do asunto é que non semella haber xeito de pórlle freo. Para a Axencia Española de Protección de Datos, o organismo que teoricamente máis experiencia debería ter na cuestión, trátase dun asunto novo e só agora está a centrar unha parte dos seus esforzos en abrir expedientes sancionadores contra os casos dos que ten constancia. O problema é que non ten constancia de todo: só do que chega a través das denuncias dos cidadáns. Segundo estudos da dita Axencia que onte mesmo avanzamos nesta mesma web, o número de casos abertos (un total de 365) é mínimo comparado coa cifra de sistemas de vídeo vixilancia operativos.
Segundo unha investigación da Asociación de Internautas presentada este verán, o 60% das cámaras con potencialidade de traballar en liña están abertas. A maiores deste dato e para que nos fagamos unha idea sobre a presenza cada vez maior destas redes de control, cómpre sinalar que a cantidade delas habilitadas en España vén de multiplicarse por mil ao longo dos últimos catro anos: arestora calcúlase que hai preto de 21.000 con potencialidade de estar abertas e operativas para que os seus usuarios poidan poñer decontado as imaxes captadas, calesquera que sexan, na Internet á vista de todos e todas os usuarios, o que significa que as consecuencias negativas do proceso se multipliquen. Por certo que en contra do que se pode agardar, a maioría destas cámaras están en mans privadas.
Na imaxe, unha captura de Raúl Valladolid sobre o incompatible que é en ocasións a proliferación de tecnoloxía e a intimidade.

PUBLICIDADE