A competición informática máis importante de España, a Olimpíada Informática Española, Premio Especial CPEIG

luns, 2 de xuño do 2025 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) anunciou que vai conceder o Premio Especial CPEIG á Olimpíada Informática Española (OIE) polo seu compromiso no fomento do talento en novas ferramentas e linguaxes dixitais. O galardón será entregado no marco da XVII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia de 2025, que se celebra o vindeiro 27 de xuño no Hotel Puerta del Camino de Santiago.
Segundo lembra o CPEIG, a Olimpíada Informática Española (OIE) é a competición informática máis importante e antiga de España, cun claro obxectivo pedagóxico e divulgativo: achegar a programación algorítmica a idades temperás. É un concurso individual para alumnado de educación secundaria, bacharelato e grao medio que se celebra anualmente e dá acceso á Olimpíada Informática Internacional. As linguaxes de programación permitidas na fase nacional son C++, Python e Java.
O certame convócase en España desde 1997, sempre baixo o auspicio da Fundación Aula Escola Europea de Barcelona coa finalidade de espertar o interese dunha disciplina completamente descoñecida naquela época para a maioría de centros escolares españois. “Na primeira edición participaron máis de 400 estudantes, que recibiron por carta os enunciados dos problemas e, á súa vez, enviaron os seus códigos nun disquete por correo postal”, explica Jacobo Vilella, membro do comité nacional da OIE e responsable informático da Aula Escola Europea de Barcelona.
O equipo español estivo presente en todas as edicións da Olimpíada Informática Internacional (IOI) desde finais dos anos 90. Desde 2007, a Facultade de Informática de Barcelona (FIB) da Universidad Politécnica de Cataluña (UPC), e desde 2020, a Universidad Complutense de Madrid (UCM) e a Conferencia de Directores y Decanos de Ingeniería Informática (CODDII) colaboran coa Fundación Aula Escola Europea na organización do concurso.
Este crecemento institucional axudou a obter o recoñecemento de Olimpíada Científica do Ministerio de Educación; a incrementar a representatividade de todas as comunidades autónomas a través de olimpíadas rexionais; a rotación anual da sede nacional da OIE por todo o territorio español; a consolidación de formacións semanais en directo, de outubro a maio, en catro niveis, coa participación este ano de máis de 1.000 estudantes; e, en consecuencia, a mellora no medalleiro dos concursos internacionais. Na última edición da olimpíada internacional, celebrada en setembro de 2024 en Alexandría (Exipto), o barcelonés Alejandro Vivero Puga obtivo a primeira medalla de ouro para España.
Ricardo Batanero, Andrii Basov, o redondelán David Lago e Eulàlia Gaya forman a delegación española que competirá este verán na olimpíada internacional en Bolivia.
A XXIX Olimpíada Informática Española (OIE) celebrouse este ano, do 4 ao 6 de abril, na Facultade de Informática da Universidade da Coruña (FIC-UDC), organizada coa colaboración do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Universidade da Coruña (UDC). O certame contou coa participación de 41 estudantes de todo o país.
O Ministerio de Educación outorgou premios económicos aos dez primeiros clasificados e ás dúas mellores mulleres clasificadas. Resultaron gañadores con medalla de ouro e a representación na Olimpíada Informática Internacional, que se celebrará do 27 de xullo ao 3 de agosto de 2025 en Sucre (Bolivia), os primeiros catro clasificados: Ricardo Batanero (Cataluña), Andrii Basov (ucraíno residente en Cataluña), David Lago (Redondela, Galicia) e Eulàlia Gaya (Cataluña).
A XXX edición, a correspondente a 2026, celebrarase na Escola de Enxeñaría Informática da Universidad de Valladolid.
Marco Antonio Gómez, da Universidad Complutense de Madrid, e Joan Alemany Flos, da Aula Escola Europea de Barcelona, recollerán o galardón na Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia que se celebrará o 27 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago.