A compostelá Bahía Software recibe un novo certificado de calidade
mércores, 30 de setembro do 2009
En cuestión de competitividade empresarial tecnolóxica, os avais son coma as chaves que abren as portas. Ou mellor dito: directa ou indirectamente, o que fai que alguén seleccione o teu produto ou servizo en detrimento de outros. Certificacións hainas de todo tipo, pero algunhas son especialmente salientables polo que se esixe de esforzo para acadalas. Un exemplo disto é a Certificación ISO 20000, acreditación de calidade que reúne no estado español a un número reducido de organizacións. Pois ben: ao grupo de escollidas vén de sumarse unha nova integrante. Falamos da empresa galega Bahía Software, especializada en servizos de consultoría e tecnoloxías da información e con sede na rúa Monte dos Postes de Santiago.
Con este aval, informa a compañía, acádanse os obxectivos claves para 2009 en materia de calidade dentro da propia empresa. Con todo, a certificación non colle a Bahía sen experiencia nestes procesos: cómpre sumar o devandito aval aos obtidos previamente, o ISO 9000 e o CMMI. A nova certificación, obtida a través da organización internacional IT Service Management Forum, garante a calidade dos servizos achegados por Bahía, en base a un plan estruturado de desenvolvementos de servizos tecnolóxico-dixitais. “A aplicación destes procedementos e metodoloxía recoñecidos no eido internacional”, informa a empresa galega, “permite o control dos servizos que subministra, axustándoo aos obxectivos do cliente a través de parámetros medibles”. Isto, engade, reverte nunha mellora continua do servizo e garante a xestión óptima e rendible dos recursos.
Dirixida ás solucións de asistencia (outsourcing, soporte a usuarios, soporte técnico), a ISO 20000 define os requirimentos que ten que cumprir unha organización para subministrar servizos xestionados cunha fiabilidade, seguridade e calidade axeitadas.
