A compostelá Imaxin presenta un sistema IA para facer máis accesible a información pública
martes, 9 de decembro do 2025
Imaxin, empresa compostelá con máis de 25 anos de experiencia en tecnoloxías lingüísticas, organiza o vindeiro 19 de decembro a xornada de demostración do proxecto Lynx, un asistente intelixente que emprega IA para facilitar o acceso e a comprensión da información dispoñible en boletíns oficiais, normativas ou arquivos de prensa.
O sistema, baseado na técnica de Xeración Aumentada por Recuperación (RAG, polas súas siglas en inglés) combina a potencia dos modelos de linguaxe actuais con tecnoloxías de busca documental avanzadas, permitindo que calquera persoa poida facer consultas en linguaxe natural (como «Poderías dicirme que subvencións hai para persoas autónomas?» ou «Que teño que facer para sacar o certificado de lingua galega?») e recibir respostas precisas e actualizadas.
Durante o evento, que se celebrará en liña, presentarase o funcionamento do sistema cun caso práctico baseado no Diario Oficial de Galicia (DOG), explicando amais as tecnoloxías empregadas, os retos superados no desenvolvemento e o potencial da aplicación tanto en administracións como en medios de comunicación.
Segundo destaca Ángel López, CTO de Imaxin: «Hoxe a intelixencia artificial permite interactuar cos documentos coma se falásemos cunha persoa experta, pero adaptar isto ao galego e a contextos como o xurídico ou o administrativo require innovación e coñecemento local».
Engade que o proxecto Lynx “supón un avance clave neste sentido, ao permitir integrar diferentes modelos de IA (coma Deepseek, LLaMA ou modelos galegos como Carvallo ou nacionais como Salamandra) en función das necesidades de cada organización”.
Este proxecto foi subvencionado dentro da convocatoria IA360 do IGAPE. Forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
A xornada está especialmente dirixida a profesionais da administración pública e dos medios de comunicación interesados en aplicar IA aos seus procesos de consulta, xestión e atención á cidadanía.
A xornada será en liña, aberta e gratuíta, pero require inscrición previa. As persoas interesadas poden rexistrarse a través do blog corporativo de imaxin, onde atoparán máis detalles sobre o evento, a axenda prevista e os relatorios programados.
