A compostelá Tesla Technologies estará presente na IBC 2025
xoves, 11 de setembro do 2025

- Esteban Vázquez, director xeral de Tesla Technologies, presentando o proxecto o pasado mes de febreiro
A empresa compostelá Tesla Technologies participará do 12 ao 15 de setembro na International Broadcasting Convention 2025, a feira mundial de referencia en tecnoloxía, medios e entretemento que se celebra no centro de congresos RAI de Ámsterdam. A compañía galega forma parte do proxecto Changing the game… Again, unha iniciativa chamada a revolucionar a personalización de contidos no ámbito da radiodifusión.
A proposta, seleccionada como Proxecto Incubadora Especial 2025, permitirá que os espectadores deportivos accedan a unha experiencia hiperpersonalizada, converténdose en parte activa do encontro. Grazas á tecnoloxía de intelixencia artificial desenvolvida por Tesla Technologies en colaboración con Xansr Media, será posible analizar en tempo real un partido e xerar resumos personalizados, momentos destacados ou datos instantáneos adaptados a cada usuario. O sistema perfila as preferencias do espectador, recoñecendo desde o equipo favorito ata xogadores concretos, e permite formular preguntas directas á IA, como quen foi o mellor xogador dos últimos dez minutos ou cales foron as xogadas máis relevantes.
Segundo explicou o director xeral da empresa, Esteban Vázquez, «non estamos simplemente engadindo unha capa de personalización: estamos entregando o control da narrativa ao espectador». A solución ofrece, ademais, interacción multilingüe en tempo real, accesibilidade para persoas con discapacidade visual e compatibilidade con múltiples formatos de emisión.
Tesla Technologies asumiu un papel clave na integración de sistemas, garantindo a fusión fluída de transmisións en directo, ángulos dinámicos de cámara e elementos gráficos interactivos. Tamén desenvolveu a interface do asistente virtual Aiko, pensada para que a interacción cos usuarios sexa sinxela e atractiva.
O proxecto no que participa Tesla será presentado oficialmente o 14 de setembro na IBC, nun acto no que intervirán representantes de Verizon Business, BFBS, AMD e Xansr Media, entre outros. O evento, que este ano reúne 14 pavillóns con innovacións punteiras, serve de escaparate global para compañías que buscan visibilidade ante firmas como Disney, Netflix, Amazon, Apple, YouTube ou Microsoft.
Pasada presentación do proxecto Changing the game… Again
