A computación cuántica aplicada ás finanzas centra unha nova conferencia no CITIC da UDC

mércores, 1 de xullo do 2026 S. P.

Este venres 3 de xullo, ás 11:00 na Sala Network do CITIC, terá lugar no centro da UDC unha conferencia de Ángel Rodríguez Rozas titulada Quantum Methods for Financial Derivatives Pricing via PDEs, promovida polo investigador do CITIC Carlos Vázquez Cendón.
A conferencia abordará métodos cuánticos aplicados á valoración de derivados financeiros mediante ecuacións en derivadas parciais, con especial atención a formulacións inspiradas no modelo de Black-Scholes, representacións hamiltonianas da dinámica dos prezos e técnicas de simulación cuántica aplicadas ao cálculo do prezo das opcións.
Así mesmo, analizaranse os avances recentes en modelos de volatilidade local e ecuacións de tipo Kolmogorov, xunto cunha discusión sobre a súa implementación en hardware cuántico de escala intermedia con ruído (NISQ), as súas limitacións actuais e as perspectivas futuras desta liña de investigación no ámbito das finanzas cuantitativas.

Ángel Rodríguez Rozas

Ángel Rodríguez Rozas

O relator é profesor colaborador no Departamento de Métodos Cuantitativos de CUNEF Universidad. Incorporouse ao Banco Santander en 2018, onde actualmente exerce como responsable de dominios financeiros en Models — CDAIO, en Santander Corporate & Investment Banking, liderando o desenvolvemento e a gobernanza de modelos avanzados para banca de investimento.
Con anterioridade, traballou como quant no equipo de Validación Interna, onde liderou o desenvolvemento dunha biblioteca para a valoración (pricing) de derivados financeiros en múltiples clases de activos, incluíndo tipos de xuro (IR), divisas (FX), crédito, materias primas, renda variable e inflación.
É doutor en Matemática Computacional pola Universidade de Lisboa e mestrado en Intelixencia Artificial pola Universitat Rovira i Virgili e a Universitat Politècnica de Catalunya, onde obtivo o premio extraordinario. Publicou máis de 20 artigos científicos e é coautor de dúas solicitudes de patente no ámbito das finanzas cuantitativas e da simulación cuántica.