A comunicadora Estrella Montolío acompañará a entrega dos novos Premios Sixto-Seco

luns, 11 de novembro do 2019 Redacción

Estrella Montolío, experta en nova comunicación e emprendemento, amais de catedrática de Lingüística e asesora das vertentes comunicativas de empresas como Amazon, AENA ou Naturgy, estará os días vindeiros en Santiago, na Cidade da Cultura, para falarnos das fórmulas máis axeitadas das que podemos botar man para acadarmos o éxito coas nosas iniciativas de mercado. Trátase da conferencia O poder da conversa: comunicar para emprender, que se celebra o 21 de novembro na Cidade da Cultura.
O relatorio enmarcarase na entrega dos Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco, certame impulsado pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, co obxectivo de “favorecer a creación de novas empresas no eido das industrias culturais e creativas”.
Nova entrega dos Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco
Nesta sétima convocatoria dos Premios Sixto Seco presentáronse máis dunha trintena de ideas emprendedoras que apostan por innovar no sector cultural, divididas en dúas modalidades: proxectos relacionados co deseño, a xestión cultural e a creación artística e plástica por unha banda, e proxectos na Rede ou creación de aplicacións informáticas no sector cultural, pola outra.
De entre todos eles, o xurado seleccionará un proxecto gañador por cada categoría, que recibirá cadanseu galardón de 3.000 euros en metálico ademais de poder incorporarse de balde e durante un ano ao coworking do Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura. A entrega de recoñecementos, que terá lugar o xoves 21 de novembro ás 18,30 horas no Auditorio Neira Vilas da Biblioteca e Arquivo de Galicia, rematará coa devandita conferencia titulada O poder da conversa: comunicar para emprender, con entrada libre e de balde para todo o público interesado (ata completar capacidade).
Biografía de Estrella Montolío
Catedrática de Lingüística Hispánica na Universidade de Barcelona, Estrella Montolío Durán focaliza o seu traballo no estudo dos intercambios comunicativos nas contornas profesionais. Neste ámbito, ten asesorado a organizacións como AENA, Amazon, CaixaBank, Endesa, Naturgy, o Consello Xeral do Poder Xudicial, o Ministerio de Xustiza, a Corte Suprema de Chile, os concellos de Madrid e Barcelona ou a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID).
Conferenciante convidada en máis dun cento de universidades españolas, europeas e americanas, é autora de numerosos traballos especializados aparecidos en publicacións nacionais e internacionais. É tamén autora, entre outras publicacións, dos libros Estrategias de comunicación para mujeres directivas (2012, Generalitat de Cataluña), Guía de comunicación igualitaria (2018, Caixabank), Manual de escritura académica y profesional (Dir. 2014, Ariel) ou Cosas que pasan cuando conversamos, que será publicado o próximo ano. Na súa vertente máis divulgadora, conduce a sección Todo es Lenguaje, no programa No es un día cualquiera de Radio Nacional, e é colaboradora habitual de diversos medios escritos.

PUBLICIDADE