A comunidade argalleira xunta recursos de transformación na Maker Faire Galicia

venres, 5 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

Comezou finalmente a Maker Faire Galicia, quinta edición, a gran feira galega e estatal sobre tecnoloxías participativas, inclusivas, accesíbeis e colaborativas. A cita, unha boa oportunidade para iniciarnos como creadores de recursos tecnolóxicos de toda índole, celébrase estes días en Santiago, na Cidade da Cultura, artellándose en dúas vertentes: a vertente profesional (que comezou o mércores 3 de xullo e desenvólvese até a última hora de hoxe) e a vertente aberta a todos públicos (a partir de mañá e até o domingo).
A feira recibiu hoxe a visita do conselleiro de Economía, Francisco Conde, quen participou na xornada Empresas con alma de startup reivindicando as empresas innovadoras e as persoas con talento, “que son as impulsoras da transformación dixital”.
Na súa intervención, Conde felicitou á organización da Maker Faire por unha iniciativa que “se está a consolidar e que sitúa Galicia no mapa, converténdoa nun escaparate de creatividade e innovación", xa que nas catro edicións anteriores acudiron a este evento mais de 40.000 persoas, tanto no eido profesional como público xeral que puido participar nos obradoiros que se organizan para achegar o movemento maker á sociedade.
Durante os tres días profesionais que culminan hoxe podemos atopar charlas e mesas redondas onde se tratan temas tan de actualidade como a robótica, a ciberseguridade, o Open Data, a enerxía, a mobilidade ou a Intelixencia Artificial. Son, en total, tres temáticas por día. Participan empresas como Iberdrola, Repsol, Cellnex ou Siemens; e empresas galegas de recoñecido prestixio como FINSA, Plexus, Televés, Kaleido ou Alén Space, que presentarán os seus proxectos.
Na xornada de hoxe venres desvelaranse os 3 mellores proxectos makers profesionais, que competirán por ese primeiro posto ante un xurado de expertos. Finalmente rematará cun xantar networking no que se fomentará o intercambio de opinións entre os asistentes e os relatores. As xornadas organízanse en colaboración con APD, a Xunta de Galicia, o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e o Círculo Financeiro de Galicia e enmárcanse dentro do Proxecto Capacita Directivos.
A Maker Faire Galicia vén da man de VermisProject, o Concello de Santiago e a Fundación Cidade da Cultura.

Xornadas Abertas

As xornadas abertas a todos os públicos celebraranse os días 6 e 7 de xullo. Durante toda a fin de semana no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia, de 10 da mañá a 8 da tarde, nenos, adultos e maiores poderán gozar de numerosas charlas e actividades para todos os gustos.
Entre os relatores destaca a figura de Soledad Ayuso, unha avoa maker que imprime todo o que se imaxina en 3D, desmitificando a idade como un factor limitador para converternos en argalleiras e argalleiros de tecnoloxía. O programa compleméntase coas charlas autoorganizadas sobre tecnoloxía que xestionan desde Compostela Tech e na parte máis científica os rapaces e rapazas de UDC Big Bang falarán sobre o 150 aniversario da táboa periódica.
No tocante ás actividades e obradoiros que se desenvolverán durante a feira o abano temático é ben amplo: pilotaxe de drons, creación de microscopios caseiros, mistura de papiroflexia e electrónica, Arduino, programación…
E outra das actividades con maior participación será a Hebocon, unha competición de robots absurdos que na pasada edición captou a atención de pequenos e maiores e na que este ano animamos a todos a participar e axudarnos a convertela na maior Hebocon de España.

PUBLICIDADE