A comunidade de ASPANAS prepara este ano os kits científicos da feira Galiciencia

mércores, 5 de maio do 2021 S. P.

ASPANAS, a asociación de pais e nais a favor das persoas con discapacidade intelectual de Ourense, está a colaborar co Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) na preparación dos kits con material científico que recibirán as rapazas e rapaces participantes en Galiciencia, a maior feira científico-tecnolóxico da nosa terra e unha das máis sobranceiras do ámbito estatal.
Segundo fixo saber a Tecnópole (organizadora de Galiciencia dende 2006), uns 40 usuarios do centro ocupacional de ASPANAS encargaranse de montar 500 equipos e 210 caixas con merchandising da feira, que, como lembraremos, este ano celébrase en formato online (novamente) por mor da delicada situación sanitaria que estamos a vivir.
Tal como indica Belén González, coordinadora do centro ocupacional de ASPANAS, “ao redor de 40 usuarios do centro realizarán, a través de tres talleres diferentes, un traballo en cadea que nos permita ter os kits e as caixas montadas no menor tempo posíbel”. Engade que “este material ten a súa complicación porque, por exemplo, hai que meter en bolsiñas independentes 50 gramos de po, e ten que ser esa cantidade exacta”.
Desde ASPANAS salientan que “este tipo de colaboracións son vitais para os nosos usuarios, é fundamental para eles estar ocupados, ter unha actividade cun principio e un fin, que se sintan útiles e produtivos ao final do día, e se sintan ben con eles mesmos. Están moi ilusionados con esta tarefa e moi agradecidos”.
Que é Galiciencia?
Diríxese a estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato. Conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN); e coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) – Ministerio de Ciencia e Innovación.
Esta 16ª edición celebrarase os días 26, 27 e 28 de maio, coa temática A innovación Pos-COVID a través da revolución do talento.
Por segundo ano consecutivo, será online debido á actual situación sanitaria.
Ademais do concurso de proxectos, durante a feira celébranse unha serie de obradoiros. Co fin de que o alumnado participante poida desenvolver as diferentes actividades programadas nos mesmos, os centros educativos recibirán un kit con materiais científicos.

PUBLICIDADE