A comunidade dunha decena de centros docentes participou no 3º encontro 21 dias co galego e +

martes, 25 de febreiro do 2025 S. P.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o secretario xeral da Lingua, Valentín García, participaron este martes 25 de febreiro na celebración do III Encontro 21 días co galego e +, actividade lúdica á que estaban convidados preto de 4.000 rapaces, mestres e persoal da decena de centros educativos de toda Galicia que participaron na sétima edición do programa de inmersión lingüística (tradicional e dixital) 21 días co galego e+, impulsado pola Secretaría Xeral sobre a base da iniciativa 21 días co galego da profesora Pilar Ponte, do IES da Pobra do Caramiñal.
López Campos apuntou “o importante papel” que xoga este iniciativa para incrementar o uso da nosa lingua entre a cativada, xa que lembrou que durante tres semanas consecutivas alumnado de Educación Infantil e Primaria destes centros “desenvolveron as actividades de lecer en galego”, tamén dende o blog da iniciativa. Así, entre o 31 de xaneiro e ata o pasado 21 de febreiro, participaron en obradoiros de regueifas, contacontos e espectáculos musicais. Ademais, contouse coa implicación dos programas Galicia por diante, da Radio Galega, cunha sección diaria dedicada a esta medida, e do Dígocho eu!, da CRTVG, que celebrou encontros co alumnado.
O conselleiro celebrou este tipo de accións que “conseguen impulsar unha maior presenza do galego nas propostas de lecer entre a xente máis nova, dentro e fóra das aulas”. “É neste tipo de proxectos nos que estamos traballando para transmitir á rapazada o amor pola nosa lingua mentres se divirten coa cultura e socialización co seus”, apuntou.
O conselleiro de Cultura tirou proveito deste encontro coa comunidade educativa para agradecer ao profesorado a súa “total implicación” na posta en marcha deste programa, unha involucración dos mestres que ampliou “a todo tipo de iniciativas a prol do galego”.
Neste curso, o programa 21 días co galego e + , impulsado en colaboración coa consellería de Educación, Ciencias, Universidade e Formación Profesional, desenvolveuse nos colexios Francisco Vales Villamarín (Betanzos), Emilio González López (Cambre) e o La Grande Obra de Atocha (A Coruña), na provincia da Coruña; no Albeiros e no Illa Verde en Lugo; no Julio Gurriarán (O Barco de Valdeorras) e no Manuel Respino (A Rúa), na provincia de Ourense, e no centro do Carballal (Marín), no de Sequelo (Marín) e no Manuel Cordo Boullosa (Ponte Caldelas), da provincia de Pontevedra.
Esta iniciativa de dinamización lingüística naceu para estimular o uso do galego no alumnado e perfeccionalo dentro e fóra das aulas. Ten a súa orixe nunha experiencia que se puxo en marcha desde 2013 no Instituto da Pobra do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponte, e que mesmo chegou a recibir en 2015 un premio de innovación en dinamización lingüística, en 2016 un recoñecemento da Real Academia Galega e no 2019 o Premio da Cultura Galega na categoría de Lingua. Desde o ano 2019 foi asumido pola secretaría xeral da Lingua e a el adhírense os centros educativos de xeito voluntario.