A comunidade tecnolóxica galega xúntase esta finde na FIC en AtlánticaConf 2025
xoves, 12 de xuño do 2025
A AtlánticaConf 2025, cita clave do sector de tecnoloxías da información en Galicia, regresa á Facultade de Informática da Universidade da Coruña (FIC) os días 13 e 14 de xuño. Esta será a terceira edición da conferencia, tras o éxito da primeira en 2019 e unha segunda edición en 2023 que logrou reunir a máis de 400 participantes.
Organizada polo Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL), asociación sen ánimo de lucro que busca promover o software libre, o hardware libre e o coñecemento aberto, en colaboración coa Asociación Galega de Software Libre (AGASOL), a AtlánticaConf 2025 promete ser un encontro único no que se mostrará a potencia tecnolóxica que se desenvolve en Galicia e as súas aplicacións prácticas.
Durante dous días intensos, a AtlánticaConf 2025 ofrecerá unha programación diversa, poñendo en valor a profesionalidade, a variedade e a riqueza da industria tecnolóxica galega. Contará con charlas de 30 minutos, charlas rápidas de 7 minutos e talleres organizados por comunidades tecnolóxicas. Este ano recibíronse máis de 125 propostas, das cales se aceptaron máis de 50 relatorios que destacan pola súa calidade e contido. Participantes que traballan na industria tecnolóxica compartirán as súas experiencias e coñecementos en campos como a IA, os sistemas distribuídos, o deseño e as aplicacións especializadas, así como a xestión de residuos, a cardioloxía e o seguimento de hábitats.
“A AtlánticaConf é o sitio non que podes ver a profesionais galegos falando de tecnoloxía e que che demostran que non fai falta irte fóra de Galicia para traballar e para facer grandes proxectos con impacto global”, destaca Pablo Castro, membro da organización e emprendedor galego, engadindo que “temos a sorte de ter unhas charlas dun grandísimo nivel que representan a potencia tecnolóxica do sector en Galicia. E por riba contamos con relatores de startups galegas de referencia a nivel internacional e profesionais que traballan para empresas tan potentes como Ikea, Google ou Cabify, un auténtico orgullo.”
A AtlánticaConf 2025 proporcionará un espazo para a aprendizaxe, a colaboración e oportunidades de networking. As persoas asistentes terán a oportunidade de interactuar con expertos, compartir experiencias e “ampliar os seus coñecementos nunha contorna estimulante e acolledora”, informaron dende a organización.
