A comunidade youtubeira e os seus seareiros xúntanse este xoves en Santiago

mércores, 2 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

O proxecto Youtubeir@s, un xeito creativo e participativo de transformar YouTube e outras redes sociais en fervedoiros de creatividade audiovisual en galego, chega este xoves 3 de outubro a un dos intres álxidos desta súa terceira edición, que xa está xa na recta final, impulsada polos concellos de Rianxo, A Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, O Grove, Moaña, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Santiago e Teo, e polas universidades da Coruña, Santiago e Vigo e a Deputación da Coruña. A terceira edición do certame, que repartirá 6.500 euros nas diferentes categorías (que teñen o prazo de presentación pechado dende o 27 de setembro), celebra este xoves en Santiago o acto Lista de reprodución ao vivo.
Trátase, en palabras das entidades organizadoras, dunha oportunidade para ver as facianas e escoitar os puntos de vista das creadoras e creadores que conforman a comunidade youtubeira, cada día maior e con mellores altofalantes.
Consistente nun encontro directo entre youtubeir@s e seareir@s, a Lista de reprodución ao vivo emula, segundo os impulsores do proxecto, “ás bibliotecas viventes ou mesmo as partidas de xadrez simultáneas”, de xeito que as persoas creadoras agardarán no seu posto as visitas dos/as “espectadores/as”. Así, cada youtubeir@ levará temas preparados para analizar e o público, que irá rotando entre os diferentes postos, poderá realizar preguntas e interactuar cos “vídeos vivos”. Cada un destes encontros durará un máximo de 20 minutos. Ao final desta rolda individual, a segunda fase abrirase a todo o público para poñer en común e compartir experiencias. O acto estará dinamizado por Xandobela (profesionais da educación e da dinamización sociocultural). A cita será entre ás 18.00 e ás 20.00 horas no edificio CEA (Centro de Estudos Avanzados) da USC (Finca de Vista Alegre, Santiago de Compostela).
Premios Youtubeir@s
Os Premios Youtubeir@s establecen este ano un total de catro categorías: vídeo-facermos (vídeos que mostran saberes e procesos de elaboración a través de titoriais), vídeo-opinarmos (exposición de opinións e valoracións sobre un tema de interese), vídeo-cantarmos (vídeos musicais con versións, composicións orixinais, adaptacións ou coreografías) e canles.
Amais destas catro modalidades, entregaranse distincións á creatividade, á eficiencia comunicativa, á calidade técnica e á calidade lingüística, recoñecementos decididos todos por un xurado “de recoñecido prestixio” que outorgará o premio durante a gala dos Premios Youtubeir@s, no mes de novembro. Por último, o certame conta cun premio do público que se entrega baixo o nome de #propostayoutubeira. En conxunto, Youtubeir@s repartirá un total de 6.500 euros en galardóns.

PUBLICIDADE