A comunidade youtubeira xúntase co público este venres en Santiago

martes, 25 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

Este 28 de xuño van ter facianas visíbeis as creadoras e creadores audiovisuais que xuntan forzas arredor do certame Youtubeiras.gal, o concurso impulsado por unha manchea de concellos (A Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, O Grove, Moaña, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo), as tres universidades galegas e a Deputación da Coruña para invadir as redes con vídeos en galego. Estamos a falar do encontro Lista de reprodución o vivo, que se desenvolve o 28 de xuño no edificio CEA da Universidade de Santiago (Finca de Vista Alegre), entre as 18.00 e as 20.00 horas.
En palabras das ditas entidades, o encontro quere ser fundamentalmente iso: un encontro, neste caso entre a comunidade creadora dixital youtubeira e o público. En boa medida, será como transformar o talento trala cámara en xente de carne óso coa que falar e debater.
O número de prazas para participar na Lista de reprodución ao vivo do día 28 é limitado, polo que os e as interesadas deberán inscribirse antes do 26 de xuño enviando un correo electrónico a formacion@youtubeiras.gal.
Youtubeir@s chega este ano á súa terceira edición baixo o lema Conéctate á comunidade e multiplícate, co que busca non só aumentar o número e a calidade de vídeos e persoas creadoras en galego, senón tamén fortalecer as conexións e as interrelacións da comunidade youtubeira. Con este obxectivo, nos últimos meses desenvolvéronse varios obradoiros e charlas en diversos centros de secundaria, e programáronse dous encontros durante este mes de xuño.
O segundo destes obradoiros celebrarase o 28 de xuño, entre ás 18.00 e ás 20.00 horas no Centro de Estudos Avanzados da USC, situado na Finca de Vista Alegre de Santiago de Compostela.
Segundo informan as entidades organizadoras, esta Lista de reprodución ao vivo emulará as bibliotecas viventes ou mesmo as partidas de xadrez simultáneas, de xeito que as persoas creadoras agardarán no seu posto as visitas dos/as espectadores/as. Desta maneira e seguindo o fío desta fómula, cada youtubeir@ levará temas preparados para analizar e o público, que irá rotando entre os diferentes postos, poderá realizar preguntas e interactuar cos vídeos vivos. Cada un destes encontros durará un máximo de 20 minutos. Ao final desta rolda individual, abrirase a todos os seareiros para poñer en común e compartir experiencias. Nesta ocasión, o acto estará dinamizado por Xandobela, un grupo de profesionais da educación e da dinamización sociocultural. O público que desexe participar deberá inscribirse antes do 26 de xuño a través do correo formación@youtubeiras.gal.
Esta xornada é a última quedada organizada para este mes de xuño, despois de que o sábado 8 tivese lugar na Coruña o evento Youtubeir@s en conexión, un espazo para reflexionar sobre temas como o panorama creativo nesta plataforma dende varios ámbitos, a cuestión lingüística na Rede, a perspectiva temática ou o eido de fomento de públicos. A actividade foi dinamizada por Ben Curiosa.
Premios Youtubeir@s
Os Premios Youtubeir@s, outra das grandes liñas de acción do proxecto, mantén até o vindeiro 27 de setembro o prazo de inscrición para todas as persoas creadoras de contidos en Youtube na nosa lingua. Cómpre que os vídeos estean publicados con data posterior ao 15 de marzo de 2018, sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición. Establécense un total de catro categorías: vídeo-facermos (vídeos que mostran saberes e procesos de elaboración a través de titoriais), vídeo-opinarmos (exposición de opinións e valoracións sobre un tema de interese), vídeo-cantarmos (vídeos musicais con versións, composicións orixinais, adaptacións ou coreografías) e canles.
Ademais destas catro categorías, recoñeceranse premios á creatividade, á eficiencia comunicativa, á calidade técnica e á calidade lingüística, decididos todos por un xurado de recoñecido prestixio que outorgará o premio durante a gala dos Premios Youtubeir@s, no mes de novembro. Por último, o certame conta cun premio do público que se entrega baixo o nome de #propostayoutubeira. En conxunto, o certame repartirá un total de 6.500 euros en galardóns. As bases completas pódense consultar na web www.youtubeiras.gal.

PUBLICIDADE