A conectividade, a dixitalización empresarial e da Administración, grandes eixes da transformación dixital segundo a AMTEGA

luns, 26 de xuño do 2017 Redacción

A directora da AMTEGA, Mar Pereira, durante a inauguración de Galicia TIC, celebrada esta mañá en Santiago de Compostela, definiu a transformación dixital como o afán por contribuír ao crecemento económico e á mellora social aplicando as vantaxes da tecnoloxía. A responsable da política tecnolóxica da Xunta lembrou que este proceso non é só tecnolóxico, senón que require tamén importantes doses de creatividade, valentía e perseverancia así como a implicación de moitos axentes, e para facilitalo o Goberno galego puxo en marcha unha estratexia, a Axenda Dixital de Galicia 2020 (ADG2020), con plans definidos para conseguir o impacto social e económico que poden achegar as TIC aos diferentes ámbitos da sociedade.
Neste sentido, a directora da Axencia autonómica destacou a conectividade como un dos obxectivos da ADG2020, que xa ten en marcha un Plan para levar as redes ultrarrápidas a toda a Comunidade. Tamén destacou a transformación dos servizos públicos, un proceso, no que recalcou, entran en xogo outros factores como as reformas normativas que se están a levar a cabo para conseguir a Administración que esperan os cidadáns do futuro.
A dixitalización empresarial é outro dos eixos chave da transformación dixital, especialmente entre as PEME. Mar Pereira destacou a importancia de facilitarlles este proceso ás pequenas e medianas empresas e fixo un chamamento ao sector TIC para facer este acompañamento dun xeito sinxelo.
A directora da AMTEGA lembrou a importancia de evitar que ninguén quede fóra deste proceso. O Plan de Inclusión Dixital de Galicia, en marcha desde hai máis dun ano, ofrece a toda a sociedade galega as ferramentas para acceder á capacitación dixital, independentemente do grao de coñecemento do individuo.
Neste proceso de transformación dixital, a responsable autonómica apuntou entre os retos a afrontar a ciberseguridade, o fomento do talento TIC e a adaptación da formación actual a un mercado que demanda perfiles cada vez máis especializados. Ademais, Mar Pereira fixo fincapé en fomentar a inclusión das mulleres no sector tecnolóxico.

PUBLICIDADE