A conectividade nos cascos históricos galegos, a debate o vindeiro luns da man de AMTEGA

martes, 16 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

Rúas do casco histórico de Noia

As áreas máis antigas das nosas cidades precisan ter as mesmas condicións de acceso á Rede cás contornas urbanas máis modernas: é un requirimento indispensábel para fixar poboación e facer as zonas vellas máis atractivas para a mocidade e para o afianzamento de novas empresas e novos xeitos de traballar. En base a isto, a axencia autonómica AMTEGA está a impulsar o primeiro catálogo de solucións destinadas a facilitar a extensión de fibra óptica nestas zonas. O catálogo darase a coñecer o luns 22 no marco da xornada A conectividade nos cascos históricos.
Será a partir das 10.30 horas no Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela. Amais da presentación do catálogo, na cita afondarase nos atrancos e posíbeis solucións para a habilitación destas infraestruturas tecnolóxicas nos cascos históricos “contando coa visión de todos os axentes implicados”.
Baixo o título O estado actual dos servizos de telecomunicacións nos cascos históricos, desenvolveranse dúas mesas de debate, a primeira ofrecerá a Visión de Patrimonio e posíbeis solucións coa intervención de representantes da organización non gobernamental, asociada á UNESCO, ICOMOS, do Consorcio de Santiago, do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade, do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e da Dirección Xeral de Patrimonio.
A segunda mesa centrarse na Visión dos operadores e do estado actual coa participación do director-xerente do operador público autonómico RETEGAL e representantes de Movistar, Vodafone, Orange e R. Finalmente, pecharse o encontro expoñendo as principais conclusións da xornada.
O encontro está dirixido aos profesionais, tanto do ámbito dos despregues, como operadores, fabricantes de equipos, instaladores, como a empresarios e profesionais das concellos das áreas de urbanismo e patrimonio. Os interesados en participar deben inscribirse antes do 20 de xullo a través da conta de correo electrónico cascoshistoricos@retegal.gal.
O documento a presentar
O documento, elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), o operador público RETEGAL e a Dirección Xeral de Patrimonio é, nas súas palabras, “o punto de partida para darlle resposta á falta dun procedemento estandarizado para o despregue de fibra óptica en cascos históricos”. Para a elaboración desta guía partiuse do caso concreto de Santiago de Compostela e en colaboración co Concello, co Consorcio de Santiago e cun equipo multidisciplinar, integrado por arquitectos, enxeñeiros de Telecomunicación e técnicos proxectistas especializados en fornecementos de fibra óptica, elaboráronse unha serie de “propostas viábeis e extrapolábeis a outros conxuntos históricos”. Entres as solucións que ofrece a guía están o trazado por cornixa, o soterramento ou o despregue da fibra óptica a través das redes de saneamento.

PUBLICIDADE