A conmemoración do 75 cabodano de Castelao inclúe importantes actividades na Rede

venres, 20 de decembro do 2024 S. P.

San Domingos de Bonaval acolle o vindeiro 7 de xaneiro un acto cívico que abre a celebración da conmemoración do 75 cabodano de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886- Bos Aires, 1950). Diferentes representantes da comisión constituída o pasado 7 de novembro xuntáronse no Consello da Cultura Galega (CCG) este venres 20 de decembro para presentar as primeiras accións programadas, moitas delas dixitais, encamiñadas a poñer a atención sobre a vixencia e o legado da figura do autor de Os dous de sempre.
Participaron a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes; a presidenta do padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada; e o alcalde rianxeiro, Julián Bustelo, xunto con representantes doutras entidades, avanzando as liñas de programación da celebración. Ademais, fixeron un chamamento á cidadanía da participar na celebración “dunha personalidade irrepetíbel de tan alta transcendencia na historia contemporánea de Galicia”, coincidiron.
Será, sinalaron as responsábeis do CCG, “unha celebración conxunta, plural e diversa, programada por institucións e entidades da sociedade civil para celebrar o legado artístico, político e social de Castelao”.
Inicio da axenda
A programación arrinca co acto cívico que a Fundación Castelao celebra cada 7 de xaneiro, día en que Castelao finou en Bos Aires. Unha ofrenda floral, diferentes intervencións e un acto musical compoñen esta apertura. “Convocamos á cidadanía a que asista a celebrar esta efeméride tan destacada” anunciou Miguel Anxo Seixas, presidente da fundación Castelao. Unha idea na que tamén afondou Anxo Lorenzo, que avanzou que a xunta está a preparar varias accións dixitais arredor da figura homenaxeada. O acto no Panteón de Galegos Ilustres non será o único acto institucional, xa que o concello de Rianxo tamén celebrará a súa tradicional ofrenda (1 de febreiro) diante do busto de Castelao.
Fondos dixitais
A figura e obra de Castelao terá un protagonismo especial na Rede. Alén do sitio web creado para centralizar a programación, que estará aberto a partir do 1 de xaneiro de 2025, os espazos web das diferentes entidades participantes reservarán un apartado específico para difundir fondos propios. O Consello da Cultura Galega, a través dos seus arquivos documentais, publicará cada mes do ano 2025 coleccións documentais que permitirán coñecer aspectos menos visíbeis da súa biografía, así como diferentes proxectos de conmemoración da súa figura.
Ademais, en xaneiro arrincarán cun amplo especial que estará en permanente actualización. A RAG abrirá unha sección na súa web desde a que se que divulgarán os fondos bibliográficos, hemerográficos e fotográficos relacionados con Castelao que posúe. Tamén incluirán doce pezas destacadas comentadas por membros da RAG e doutras personalidades da cultura. Ademais, o Museo de Pontevedra permitirá explorar a colección propia que contén arredor da súa figura. Máis de 1.800 obras que nos achega principalmente á súa faceta como artista, que non se pode desvincular da condición de escritor e político galeguista. Ademais, na web do Museo pódense consultar roteiros por Pontevedra, Rianxo e a Habana, lugares destacados na biografía de Castelao.
A axenda ao completo, non só a centrada no dixital, podemos consultala na web do CCG e, en breve, na web conmemorativa habilitada para celebrar o 75 cabodano do rianxeiro, castelao2025.gal.