A conselleira do Mar asiste á poxa electrónica da Lonxa 4.0 de Porto do Son
xoves, 26 de marzo do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou na mañá deste xoves 26 de marzo a Lonxa de Porto do Son e asistiu á poxa dixital que se realiza nesta rula a través do sistema de Lonxas Galegas 4.0 impulsado polo seu departamento e a axencia autonómica AMTEGA.
Villaverde, que estivo acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, e o alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, puxo en valor o dispositivo electrónico para a primeira venda de produtos pesqueiros e agradeceu a colaboración da confraría e o Concello para impulsar medidas que permitan innovar na comercialización dos produtos do mar.
A conselleira enmarcou a visita dentro da rolda de encontros institucionais que o seu departamento mantén de xeito recorrente cos representantes do sector para coñecer, de primeira man, as súas propostas e necesidades.
Durante a súa visita, Villaverde reuniuse tamén co patrón maior da confraría de Porto do Son, Emilio Queiruga, e o presidente da Federación provincial de Confrarías da Coruña, Daniel Formoso, para afondar nas propostas de mellora para esta dársena. Entre os temas tratados, ambas partes destacaron a proposta de posta en marcha dunha aula de formación para impulsar a remuda xeneracional no sector marítimo pesqueiro.
Finalmente, a conselleira do Mar visitou a nave de redeiras para comprobar tamén as súas posibilidades de mellora a nivel da propia infraestrutura e dos equipamentos. A este respecto lembrou as axudas dispoñibles para estes fins desde a Consellería, tanto a través do plan de equipamentos pesqueiros como dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP).
Plataforma tecnolóxica
Lonxas Galegas 4.0 é unha plataforma que reforza a proxección e a dixitalización das rulas galegas e mellora a seguridade alimentaria, a rastrexabilidade dos produtos pesqueiros e a eficiencia na xestión comercial das rulas. A nova tecnoloxía posibilita mellorar a visualización da oferta de peixe e marisco galego e optimizar os procesos de compra mediante participación remota, facilitando o seguimento de cada lote desde o mar ata o prato a través dun sistema interconectado entre lonxas, confrarías, distribuidores e mercados.
A conselleira subliñou que o proxecto é o resultado dun traballo iniciado en 2018 en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), que permitiu crear unha plataforma tecnolóxica única integrando os sistemas de xestión (Xeslon) e os de poxa e comercialización (Siscom).
O investimento total da Xunta neste sistema acada os 10 millóns de euros, permitindo ata o de agora o procesamento de máis de 7 millóns de notas de venda, cun valor de facturación superior aos 400 millóns de euros e a comercialización de 205 especies diferentes, capturadas por máis de 7.000 unidades de pesca.
