A consola portátil Steam Deck adía o seu lanzamento

xoves, 11 de novembro do 2021 Marcus Fernández

No verán Valve anunciou unha consola portátil, a Steam Deck, que cun deseño semellante ao da Nintendo Switch permitiría gozar da meirande parte dos xogos para PC que comercializan a través de Steam, prevendo o seu lanzamento para o mes de decembro, pero finalmente na páxina web da consola aseguran que as primeiras unidades non se recibirán até febreiro de 2022 e, para novos compradores, non esperan poder contar con unidades até despois do segundo trimestre de 2022.
Dende Valve aseguran que este adiamento é consecuencia da falta de subministros mundial, que non conseguiron mitigar nin sequera traballando con múltiples provedores de compoñentes. A escaseza de materiais faría demasiado complicada a fabricación das novas consolas, o que sumado aos problemas de loxística que se están a experimentar nos últimos meses, fai que esteamos ante un produto que vai ter tantos problemas para comercializarse como están a ter as consolas de nova xeración (lembremos que a PlayStation 5 aínda non chegou a colocarse nos estantes das tendas físicas).

PUBLICIDADE