A consultora galega Vitae celebra 20 anos de formación tecnolóxica ininterrompida

martes, 31 de marzo do 2026 S. P.

A consultora tecnolóxica Vitae Consultores, referente a nivel galego e estatal da formación TIC actualizada para profesionais dos sectores innovadores (tecnolóxicos, industriais) está estes días de celebración: a conmemoración dos 20 anos de andaina do proxecto Vitae.
A celebración destas dúas décadas de actividade incansable (mesmo na pandemia) estase a acompañar dun balance que expón de xeito significativo a dimensión dos fitos acadados pola consultora galega: máis de 38.000 profesionais formados e máis de 15.000 profesionais entrevistados.
Dende Vitae lembran tamén que os obxectivos orixinais seguen a estar plenamente vixentes: axudar aos responsables dos departamentos de RRHH ou HR e de sistemas de información, a mellorar a xestión das súas organizacións; aumentar a satisfacción do persoal achegando solucións eficaces baseadas na selección e na formación; informar, comunicar e ser un nexo de unión entre os clientes e o mercado; e mellorar a calidade de vida tanto profesional como persoal, de todos os clientes.
Recordan tamén que “nestes 20 anos vimos evolucionar o sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación, de local á nube, do computador ao móbil, do backend ao frontend, das BBDD ao Big Data, de Excel a Power BI, de metodoloxías preditivas a áxiles, do modelo presencial ao teletraballo, da formación presencial á formación en liña en directo, das reunións presenciais a vídeo-conferencias, dun liderado directivo a equipos autoxestionados, de procesos manuais a procesos automatizados con axentes de intelixencia artificial”.
Sobre a bagaxe acadada, indican que “o que aprendemos nestes 20 anos é que todo avanza nunha dirección clara, achegar cada vez máis a tecnoloxía a negocio e ás persoas, unha constante que seguirá e pódese acelerar coa IA xenerativa”. E engaden: “De seguirmos nesta dirección, e a IA cumpre as expectativas, os perfís máis demandados no futuro serán aqueles que coñezan o negocio e as tecnoloxías que o fan funcionar, o que podemos chamar habilidades duais, e nisto os departamentos de negocio, tecnoloxía e HR serán claves e estratéxicos”.
Vitae conclúe agradecendo a implicación e apoio de “todxs xs que confiaron en nós nestes 20 anos, a todos os nosos clientes, a todxs os candidatxs e en especial a nosxs colaboradrxs que como sempre sen elxs fose imposible seguir sementando talento”.