A consultora tecnolóxica Improving Metrics celebra dez anos de andaina

martes, 19 de outubro do 2021 S. P.

A consultora tecnolóxica coruñesa Improving Metrics está estes días de celebración: conmemora unha década de andaina no mercado, unha experiencia de dez anos “dando servizo a clientes de talla internacional e axudando ás empresas dos máis variados sectores nos seus procesos de dixitalización e de integración de ferramentas de análise e xestión intelixente”. Improving Metrics celebra o dito aniversario recordando que xa acadou un crecemento sostido do 40% ano tras ano.
Estas cifras, segundo informa a empresa foron o resultado de varios factores. Por exemplo un investimento en talento e proxectos de máis de 3 millóns nos últimos anos, ao que se suma unha folla de ruta para o seguinte trienio que prevé mobilizar 7 millóns de euros para os mesmos obxectivos. “Ademais”, comenta Jesús Echarri, director executivo (CEO) de Improving Metrics, “ao longo destes anos puxemos o foco en entender as tendencias do noso mercado e máis nas tecnoloxías analíticas que permitisen aos nosos clientes a tomar as mellores decisións”. E prosegue: “Achegamos coñecemento baseado en evidencia científica e facémolo a través do noso principal valor, o noso equipo de profesionais, de natureza moi diversa e moi especializados nos seus respectivos campos. Grazas a esta combinación, logramos cubrir todas as áreas da análise de datos, o que incrementa exponencialmente a competitividade dos nosos clientes e mellora os seus resultados de negocio”.
Para consolidar este posicionamento, a empresa traballou durante 2021 nunha renovación total do seu catálogo de servizos, adaptándoo ás necesidades naturais dos seus clientes e que tivo unha gran acollida no mercado, ao que Echarri engade: “Sabemos que falar de termos técnicos non é sinxelo, por iso decidimos comunicar dunha forma máis sinxela e próxima para axudar aos nosos clientes a entender o valor e o poder dos seus datos sen que iso supoña un quebradizo de cabeza. O complexo facémolo fácil para os nosos clientes”.
Ademais, a marca renovouse, a súa nova web www.improvingmetrics.com, reflicte “a esencia da marca e a súa clara intención de ir a por a mellora dos negocios dixitais, cunha linguaxe accesible e orientada a negocio”, engade Echarri.
A consultora albisca un 2022 de “crecemento e consolidación”, ao que, conclúe Echarri: “Para poder lograr os resultados que nos propomos, poremos foco principalmente no noso equipo, a nosa marca e no valor que achegamos aos nosos clientes, axudándolles a entender o poder dos seus datos e a conseguir os seus obxectivos de negocio”.

PUBLICIDADE