A contratación de Internet de banda larga no rural de Galicia supera xa o 90% dos fogares

xoves, 26 de decembro do 2024 S. P.

O Observatorio da Sociedade da Información e Modernización de Galicia (OSIMGA), dependente da axencia autonómica AMTEGA, publicou este Nadal o informe sobre a Modernización tecnolóxica no rural, unha publicación que destaca que a contratación de Internet de banda larga na Galicia non urbana acadou o 90,3% dos fogares en 2023. No estudo tamén se fai saber que a idade é o principal condicionante da evolución da modernización tecnolóxica nas áreas do rural de Galicia.
Igualmente, infórmase que a contratación de Internet de banda larga medrou dende un 69,4% en 2016 ata o 90,3% de 2023, o que implica un crecemento de máis dun 30%. “A porcentaxe achégase cada vez máis a media de Galicia, que está nun 94,3%, o que indica que se está a reducir a fenda entre os ámbitos rurais e urbanos”, sinálase no informe, onde se indica que “a contratación de Internet do rural está por riba do 96% no caso de fogares con tres ou máis persoas, pero baixa ata o 74,3% no caso dos fogares nos que soamente vive unha persoa”.
Ademais, a taxa de persoas que usan dispositivos electrónicos no rural “é practicamente o mesmo entre homes e mulleres, mesmo lixeiramente superior no caso das segundas (87,9% fronte ao 87,5%), polo que non hai fenda de xénero”, indícase, engadíndose que “as diferenzas principais teñen que ver coa idade”. Así, o informe sinala que “practicamente todas as persoas do rural de entre 16 e 44 anos (por riba do 99%) declaran usar dispositivos electrónicos” e que “a porcentaxe é tamén moi significativa no caso das persoas de entre 45 e 54 anos (un 95,6%), aínda que esta porcentaxe baixa ata o 87,2% entre os 55 e os 64 anos; e ao 60,4% no tramo de entre 65 e 74 anos”.
Por outra banda e meténdonos xa no terreo do comercio electrónico, máis da metade das persoas do rural que usan Internet fan compras por esta canle, fronte ao 72,3% que o fan nas áreas urbanas. Porén, preto do 90% das persoas do rural de entre 25 e 34 anos compran por Internet, “unha cifra que contrasta co 10,3% das persoas de entre 65 e 74 anos”.
Os datos para a elaboración deste informe proveñen da Enquisa Estrutural de Fogares do Instituto Galego de Estatística.