A contratación de Internet medra máis dun 20% nos concellos galegos de menos de 5.000 habitantes
luns, 9 de setembro do 2024
O 94,3% das familias galegas dispón de acceso a Internet no fogar. Entre 2020 e 2023, a porcentaxe de fogares galegos con conexión a Internet aumentou un 4,4%, mentres a media europea fíxoo no 2,3%, un incremento especialmente significativo nos concellos con menos de 5.000 habitantes, que achegaron unha taxa de medre do 20,5% neste mesmo período. Ademais, a porcentaxe de usuarios de Internet nos últimos tres meses chegou ao 91,5%, o que representa aumento do 2,5% en comparación co 2022. Estes e outros datos figuran no estudo Galicia. A nosa vida en dixital. A Sociedade da Información nos fogares galegos. Edición 2023 elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Internet nos fogares
No informe sinálase tamén que en 2023 un total de 890.005 fogares galegos tiña contratada unha conexión de Internet, o que supuxo un incremento de 36.545 fogares desde 2020. Ademais, os concellos que rexistraron o maior incremento na contratación deste servizo foron os de menos de 5.000 habitantes, cunha porcentaxe de 89,7% no 2023 (un 3,7% respecto ao ano anterior), o que supuxo un total de 3.815 fogares máis con Internet contratada no último ano. No estudo engádese que tamén se rexistrou un importante aumento na porcentaxe de fogares con conexión a Internet de máis de 100 Mbps, situándose no 32,7% en 2023 fronte ao 27,2% que rexistraba no ano 2020.
A dixitalización dos fogares galegos segue incrementándose no 2023
No informe Galicia. A nosa vida en dixital sinálase ademais que en 2023, o 79,1% do total de fogares galegos dispoñen de ordenador de sobremesa, portátil ou tableta. O maior crecemento ven dado polos ordenadores portátiles, un 1,7% máis que o ano anterior, e que están presentes no 61,1% dos fogares galegos. Ademais, o 27,8% dos fogares galegos dispoñen dalgún dispositivo electrónico intelixente o que supón un incremento relativo do 59,7% respecto ao ano anterior. Tamén aumentan nun 50% os dispositivos de seguridade con conexión a Internet, nun 20,2% os altofalantes intelixentes e nun 12,6% os fogares con Smart TV.
O dispositivo electrónico máis estendido entre os galegos e galegas é o smartphone, do que dispón o 92,6% da poboación galega. O seu uso é universal nas persoas de 16 a 44 anos mentres que, entre as persoas maiores de 64 anos sitúase no 70,3%.
A dixitalización da cidadanía galega segue en aumento
O informe de OSIMGA explica tamén que o número de internautas aumenta 2,5% respecto ao ano anterior. O 91,5% dos galegos e galegas de 16 a 74 anos utilizaron Internet nos últimos tres meses, o que implica un incremento de 70.070 internautas nos últimos catro anos. Ademais, saliéntase que a fenda dixital en función da idade “está a diminuír ano tras ano”, e “é importante destacar un importante aumento no nivel de dixitalización entre as persoas de 65 a 74 anos, cunha porcentaxe de usuarios de Internet do 65,9%”.
Usos de Internet
Respecto ao uso da Rede en 2023, un 63,9% dos galegos e galegas realizou compras por Internet, 5,3% máis que o ano anterior. Esta porcentaxe increméntase ata o 90,6% entre os mozos e mozas con idades entre os 25 e 34 anos. No que respecta á Administración Electrónica, o 85,2% dos internautas empregárona para buscar información e o 80,8% enviaron formularios cubertos ás administracións a través da Rede, cun incremento do 3,1% respecto á edición anterior.
Ademais, respecto a outros usos de Internet o estudo sinala que o 98,5% dos galegos e galegas que emprega Internet usa mensaxería instantánea; o 88,6% busca información sobre bens e servizo; o 86,6% recibe ou envía correos electrónicos , o 81,7% le noticias, xornais ou revistas en liña, un 79,6% realiza chamadas por Internet ou vídeo-conferencias; e un 78,4% usa a banca electrónica.
Ciberseguridade
O 63,1% das persoas que usaron Internet nos últimos 12 meses actualizan periodicamente automaticamente ou de xeito manual, algún dos seus produtos de seguridade. O estudo sitúa nun 14,4% a porcentaxe dos internautas galegos que sufriron algún incidente de ciberseguridade no último ano.