A convocatoria das axudas IA360 do IGAPE elixe quince proxectos de empresas socias do Clúster TIC Galicia

xoves, 25 de setembro do 2025 S. P.

Foi na mañá de hoxe, 25 de setembro, cando o Clúster TIC Galicia celebraba un webinar para presentar quince proxectos de empresas socias baseados en Intelixencia Artificial (IA), beneficiarios da convocatoria IA360 do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea con fondos Next Generation EU.
Cómpre dicir que estas axudas buscan promover o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación mediante o uso de IA para facilitar a transformación dixital e a mellora da actividade económica e industrial da comunidade. Na presentación, o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez do Curral, sinalou que esta convocatoria se dirixe ao desenvolvemento directo de produtos TIC, o que supón “un apoio fundamental para as empresas”. "O feito de que se presentasen multitude de propostas e se aumentase o orzamento inicial demostra que hai capacidade para propor investimentos e compañías con ideas de alto valor", subliñou.
Pola súa banda, Carlos Vaamonde, técnico de Innovación do IGAPE, salientou a positiva acollida de IA360, lembrando ese incremento do orzamento para poder atender o amplo volume de solicitudes recibidas. "A convocatoria aínda está aberta, polo que animamos ás empresas a presentarse", instou.
E indo ás compañías que acadaron a subvención da convocatoria IA360 e que presentaron as súas iniciativas no marco deste evento, foron as seguintes: Imaxin Software, Prefapp, Situm, Sixtema e Tesla Technologies (con oficinas en Santiago de Compostela); Cinfo, Ilux Visual Technologies, Imatia, In2AI, SREC Solutions e Torusware (con sede na Coruña); e Deicom Technologies, Galvintec, Quobis e Visual Publinet (da área de Vigo).
As súas solucións, en distintas fases de desenvolvemento e con aplicacións no ámbito público e privado, van desde a automatización de procesos ata axentes conversacionais, pasando pola análise de datos de redes de baixa tensión ou a xestión de recursos visuais ou de información xeoespacial.
Imaxin falou sobre LYNX, o seu chatbot baseado en RAG que mellora o acceso a información de xeito eficiente, reducindo a carga de traballo dos usuarios. Prefapp deu detalles sobre a integración de IA en firestartr.dev para a estandarización de procesos e fluxos de CI/CD en plataformas cloud, enfocado a empresas de desenvolvemento de software.
Situm profundou en GAIA, unha plataforma que centraliza e estrutura a información xeoespacial en grandes edificios para optimizar operacións, mellorar experiencias e garantir a seguridade. Sixtema focalizouse en LEVAD-360, a súa solución de xestión de información que organiza e aproveita datos históricos para incrementar a eficiencia e a competitividade en diferentes organizacións. Pola súa banda, Tesla Technologies profundou en INDICAGES, unha plataforma de IA para a xestión e certificación de indicadores de sostibilidade.
Cinfo presentou TIIVII toolbox, unha proposta para a mellora competitiva e axuda a procesos corporativos. Ilux Visual Technologies deu a coñecer Mindforge, unha solución que optimiza a xestión de recursos visuais. Imatia amosou o seu proxecto IMPILOT, centrado na creación de copilotos que contribúan a mellorar o acceso da cidadanía á información da Administración, amais de optimizar o traballo dos profesionais de servizos sociais.
O proxecto de In2AI busca previr o acceso non autorizado de empregados a datos sensibles a través de asistentes conversacionais, así como monitorizar a súa actividade para avaliar o seu rendemento. SREC Solutions presentou SINVAD para sistematizar a estandarización de procesos industriais de maneira áxil e personalizada. Torusware, en colaboración con Vegalsa, expuxo PROVIA, cuxo obxectivo é optimizar o proceso de provisión de servizos ou produtos especializados en tenda mediante IA.
Deicom Technologies presentou RedIA, que permite anticipar comportamentos irregulares na rede de baixa tensión, mellorando a eficiencia e garantindo a seguridade da subministración eléctrica. Galvintec deu a coñecer MOODULAR IA, que ten como finalidade optimizar sistemas de picking en almacéns e centros de distribución, aumentando a produtividade e diminuíndo os custos operativos.
Quobis presentou Smart Answer, unha solución de operador que responde chamadas entrantes de números descoñecidos cun asistente virtual baseado en IA. E Visual Publinet explicou os obxectivos de IA360 SÉ Local, unha plataforma para optimizar a visibilidade en buscadores a nivel local.