A cuarta edición de Start Weekend Galicia saldouse con sete emprendementos en 54 horas

martes, 16 de xullo do 2013 Fernando Sarasketa

A xuntanza da pasada fin de semana na sede de Elogia en Vigo / Imaxe de Miguel Gesteiro

A pasada fin de semana pasouse dos ditos aos feitos en cuestión de redes e iniciativas empresariais postas en marcha no seu seo. Aconteceu en Vigo, onde se demostrou unha vez máis que unha fin de semana pode dar para moito en materia de colaboración, incluída a colaboración TIC. A cidade galega, de feito, foi a sede da cuarta entrega da xuntanza Start Weekend Galicia, da que, segundo nos contan os organizadores, saíron un total de sete emprendementos en 54 horas. Como lembraremos, as xuntanzas start weekend diríxense a xuntar baixo un mesmo teito a emprendedores que devecen por materializar as súas ideas innovadoras e os recursos precisos para acadalo. Ao seu favor contan coa axuda de máis xente coma eles, amais de desenvolvedores, deseñadores e expertos. O obxectivo final é atopar as propostas máis viábeis e cooperar para apuntalar o seu futuro.
Dos sete proxectos elixidos, o gañador foi Here I am, unha aplicación de móbil que se poderá configurar con alarmas para que notifique se un neno non chegou a un determinado lugar nunha determinada hora. A idea é posibilitar que, a través das novas tecnoloxías, os pais estean tranquilos en todo intre respecto da seguridade dos máis pequenos, comentou Bárbara Liniado, membro do equipo xunto a David Fernández, Diego Fernández, Fernando Julián Freire e Álex Paz.
En segundo lugar quedou Deskally, denominado como "o AirBNB dos negocios". Deskally pon en contacto a xente que busca un espazo onde traballar con empresas que teñen parte das instalacións de seu por debaixo do seu limiar de rendibilidade. Ou sexa, infrautilizadas. En terceiro lugar situouse Miradi, unha web na que se publican propostas de proxectos para darlles visibilidade e buscar un equipo que colabore para levalas a cabo.
Como dixemos, os equipos contaron coa axuda de mentores en negocios, mercadotecnia e desenvolvemento, no camiño de traballar ao longo da fin semana en pór en marcha a idea elixida. A isto cómpre engadir as charlas que se suceden antes, durante e despois das citas, como por exemplo (no caso que nos ocupa de Start Weekend Galicia as de Miguel Silva, co-fundador e vicepresidente de Blusens, e Javier Jiménez Villar, co fundador de Tapquo).
Ademais dos devanditos proxectos gañadores, achegáronse propostas de gran interese, como ReceTic, un sistema de recomendación de dietas gamificado que permite reducir refugallos, War of Sides, un xogo de realidade aumentada en tempo real de conquista de espazos tras loitar con dragóns, BeEasy, unha plataforma multilateral que posibilita unha mellor integración entre marcas, consumidores e bares; e Making Smart, unha plataforma que detecta oportunidades e tendencias a través da interpretación intelixente dos datos dispoñibles en Linkedin.
Esta edición de Startup Weekend Galicia veu da man de Alberto Ruibal, Reinaldo Aguilera e Vanesa Gallego e desenvolveuse na axencia de mercadotecnia Eloxia, que é patrocinador platino do certame. Ademais, recibiuse o apoio da Fundación NovaCaixaGalicia, da Asociación de Novos Empresarios de Vigo e da empresa Quobis, entre outros.

PUBLICIDADE