A cuarta edición dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía vén cunha dotación de 28.000 euros

mércores, 21 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

Unha vez máis, e xa van catro, a capacidade das nosas empresas e grupos de investigación para impulsar o fluxo do coñecemento avanzado duns grupos a outros, e dos grupos ás empresas, e das empresas e grupos á sociedade, vai ter recompensa. Estamos a falar dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2018, convocados novamente pola Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta. Segundo puidemos saber, o prazo para presentarmos candidaturas xa está aberto (até o 31 de maio o prazo), introducíndose este ano unha importante novidade: unhas bases significativamente máis accesíbeis, co obxectivo de facilitar o proceso de presentación de proxectos.
Como exemplo desta simplificación, habilitouse a tramitación de candidaturas de xeito totalmente telemático. Segundo informa a RAGC, “isto facilitará a concorrencia de grupos de investigación, PEME e grandes empresas”.
A cuarta edición edición mobiliza unha contía total de 28.000 euros netos para repartir en premios. O obxectivo do certame: recoñecer casos de éxito en transferencia de coñecemento en Galicia e difundilos entre a cidadanía e, en particular, investigadores e empresarios.
Modalidades
A primeira modalidade dos premios está dirixida a grupos científicos que desenvolvan investigación aplicada e que estean adscritos a centros tecnolóxicos ou de investigación emprazados en Galicia. Entre as candidaturas presentadas seleccionarase “a que mellor represente a contribución dun traballo de investigación ao desenvolvemento socioeconómico de Galicia a través da transferencia dos seus resultados ao mercado”. A dotación do premio ascende a 6.000 euros netos, aos que se suma unha axuda de 4.000 euros para a formación dun membro do equipo gañador, durante unha estancia de entre dous e tres meses nun centro de investigación de fóra da nosa terra.
As dúas modalidades empresariais buscan “os casos de éxito máis representativos de innovación acadada a partir da transferencia de tecnoloxía”. A primeira delas vai dirixida ás PEME galegas (incluíndo as microPEME) que acrediten innovacións procedentes da adquisición dunha patente, dun proxecto conxunto con un ou varios grupos de investigación ou outro mecanismo calquera de transferencia. Neste caso, a dotación do galardón ascende a 12.000 euros netos.
No caso das grandes empresas, o premio toma como referencia os mesmos méritos que se valoran nas PEME, coa diferencia de que o premio para a empresa ten carácter honorífico e o grupo de investigación percibirá 6.000 euros netos en concepto de apoio ao seu traballo no eido da transferencia de coñecemento.

PUBLICIDADE