A cuestión blockchain centrou boa parte dos contidos da #IURISTICGAL18

mércores, 10 de outubro do 2018 Redacción

Sen dúbida unha das grandes cuestións que se tocou na oitava edición da Xornada de Informática Xudicial, #IURISTICGAL18, celebrada hoxe na Cidade da Cultura dan man do CPETIG e a axencia AMTEGA, foi o amplo horizonte de oportunidades que ofrece a tecnoloxía blockchain. Asemade, os relatores que participaron no encontro, senlleiros representantes da rica zona de confluencia entre xustiza e TIC, afondaron no que nos agarda en materia de delitos dixitais.
Logo da sesión de inauguración, da que falamos en detalle pola mañá en Código Cero, foi a quenda de Santiago Márquez, un dos pioneiros na escena blockchain en España, quen puxo de relevo as posibilidades da transformación dixital a través desta tecnoloxía de cadeas de bloques, aplicábel a calquera sector: finanzas, seguros, loxística, enerxía, sanidade, etc. Segundo fixo saber, o blockchain serve para eliminar intermediarios e, segundo o experto, representa vantaxes como “a rapidez das transaccións e a redución de riscos nas operacións”, xa que fican a salvo de fraudes e ciberataques.
Segundo Luis de Salvador Carrasco, subdirector xeral adxunto da Inspección de Datos da AEPD, “as grandes oportunidades que abren as tecnoloxías deben ir acompañadas dunha sólida conciencia das ameazas e fendas de seguridade que poden supoñer”, poñendo de relevo na súa intervención a necesidade de aplicar “estritos sistemas de garantías”.
A volatilidade da evidencia dixital e as dificultades da investigación dos ciberdelitos foron o eixo do relatorio de Silvia Barrera, consultora en ciberseguridade, experta en cibercrime e inspectora da UIT da Policía Nacional, agora en excedencia. Roubo de contrasinais, suplantación de identidade ou hackeos de WhatsApp son algúns dos exemplos citados pola experta para ilustrar que en 2016 se presentaron en España 60.154 denuncias de ciberdelitos, que representan aproximadamente o 5% dos delitos cometidos en internet, dos que somentes se esclarece unha pequena parte.
Os relatorios completáronse coa intervención de Eloy Velasco, maxistrado da Audiencia Nacional, que explicou a necesidade dunha resolución xudicial expresa para a “invasión do dereito ao entorno dixital de toda persoa investigada”, xa que a incautación durante un rexistro domiciliario do dispositivo onde estea a información non lexitima o acceso ao seu contido, que precisa dunha autorización xudicial expresa. O maxistrado engadiu que cómpre “introducir sensatez na práctica e autorización dos rexistros informáticos e de dispositivos electrónicos que conteñan información posíbelmente delitiva, non executándose maximalistamente, senón centrando a ocupación previamente a ser practicada, coa información de que se dispoña”.
A VIII Xornada de Informática Xudicial rematou cunha mesa redonda, moderada por Víctor Salgado, director técnico de IURISTICGAL18.

PUBLICIDADE