A cultura e a tecnoloxía xuntaranse o 27 de setembro nunha xornada no Gaiás

mércores, 21 de agosto do 2013 Redacción

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove no Gaiás a unión entre creadores e o mundo das novas tecnoloxías a través da terceira xornada do ciclo Economía e Cultura, que terá lugar o 27 de setembro na Biblioteca e Arquivo da Cidade da Cultura, onde acubillarase a xornada teórico-práctica Onde a tecnoloxía non o é todo pero é importante. Relacións entre creatividade e tecnoloxía, que analizará o papel das ferramentas tecnolóxicas para a construción de novos modelos de traballo, novos servizos e novos formatos culturais.
A xornada arrincará ás 10 de mañá e contará con relatores como Juan Freire, que disertará sobre como afecta a contorna dixital ao cambio de modelo na cultura; Luz Castro, que presentará distintas experiencias e interseccións entre arte, creatividade e tecnoloxía; ou Tati Mancebo, que achegará algunhas ferramentas para a difusión e comunicación cultural.
Esta terceira xornada abordará no Gaiás outros aspectos como as licenzas, dereitos de autor e propiedade intelectual e mesmo se amosarán ferramentas prácticas para o día a día do xestor cultural da man de Amador Loureiro.
Para finalizar, a Cidade da Cultura celebrará un PechaKucha de proxectos culturais con base tecnolóxica no que participarán Martín López Nores, da Universidade de Vigo; Guillermo Cordeiro de Tegnix; Fernando Prieto de Gato Salvaje Estudio; Alejandro Lamas de Sixtema e Iago Martínez.
Onde a tecnoloxía non o é todo pero é importante. Relacións entre creatividade e tecnoloxía conta cun total de 26 prazas. O custo da matrícula é de 25 euros, 20 no caso de pertencer ao espazo de coworking Emprende Cultura Gaiás. O prazo de inscrición xa está aberto.

PUBLICIDADE