A cultura galega intensifica os seus esforzos en dixitalización

mércores, 27 de abril do 2022 S. P.

A cultura galega recupérase e o peor da crise semella quedar definitivamente atrás para o sector, unha revitalización que tamén se estende ao ámbito da dixitalización. Esta é unha das grandes conclusións do Barómetro da cultura galega presentado este 26 de abril polo Concello da Cultura Galega, a través do seu Observatorio.
A un nivel máis concreto, o informe fai saber que o 43% das entidades consultadas aumentaron no último ano a súa facturación ou orzamento e a súa expectativa de crecemento para este ano é “moi positiva”. Porén, non todo son alegrías: o sector quéixase da suba dos prezos dos subministros e prevé un encarecemento na edición, as artes visuais, no teatro e na danza.
O barómetro foi presentado en rolda de prensa pola presidenta da institución, Rosario Álvarez, e o coordinador do Observatorio, Hakan Casares.
No documento, entre outros moitos datos de interese, explícase tamén que o 21% das entidades realizou accións dirixidas ao público internacional e que un 66% acometeu algunha actuación encamiñada á transformación dixital, incluídas as redes sociais. Ademais, faise saber que un 50,3% prevé a produción, creación ou venda de contidos dixitais. Na investigación tamén figura estoutro dato de interese: os investimentos en dixitalización son maiores na Administración e nas entidades sen ánimo de lucro que nas empresas e destacan entre as entidades máis grandes, especialmente as que ingresan mais de 500.000 euros. Tamén se detectou un esforzo recente importante en materia de dixitalización entre as entidades dedicadas á educación cultural, “se cadra por efecto da crise sanitaria”.